Rexístrate de balde

O Instituto de Investigacións Mariñas, en Bouzas, ten o pracer de convidarvos á Xornada de Portas Abertas que terá lugar o 12 de setembro de 2023 entre as 10:00 e as 19:00 horas, elixe a quenda que che vaia mellor!

Este evento brindaravos a oportunidade de coñecer de preto laboratorios, corredores, acuarios e espazos onde descubrir o traballo que realizamos no ámbito da investigación mariña.

Así, percorrerás o Instituto en visitas guiadas duns 90 minutos, coñecendo ás científicas e técnicos que fan ciencia dende o noso barrio. Contaremos tamén con demostracións prácticas realizadas polo noso persoal.

Non deixes de traer á familia e amigos para pasar un día verdadeiramente inesquecible!

O Instituto de Investigacións Mariñas está situado na rúa de Eduardo Cabello, 6, Bouzas - Vigo.

Recomendamos o uso de calzado cómodo e que non sexa delicado nin de tea para realizar as visitas, xa que teremos que pasar obligatoriamente por pediluvios para a desinfección do calzado antes de entrar a algunhas salas.

Accesibilidade e interpretación en LSE

Nas quendas das 10:00 horas e das 16:00 horas contaremos con interpretación de Lingua de Signos Española (LSE) para as persoas que o precisen.

Por motivos de organización, agradecemos que no formulario indiquedes se precisaredes este servizo ou non.

Por outra banda, indicar que a visita -dunha duración estimada de 1 hora e media- se realiza en espazos estreitos que, por desgraza, imposibilitan realizala en cadeira de rodas.

Acceso á visita e puntualidade

O IIM-CSIC é un centro de investigación e o seu traballo continuará tamén ese día. Para evitar afectar ao traballo dos grupos de investigación, pregamos a máxima puntualidade das persoas rexistradas. Unha vez comece a visita, no caso de non estar presente algún dos asistentes rexistrados, entenderase que a persoa non asistirá e, por tanto, o seu lugar poderá ser ocupado por outra no caso de que así se solicite. Recomendamos presentarse na entrada do Instituto 5 minutos antes do comezo da visita.

More