SÍGUEO POR STREAMING 

(enlace dispoñible no día da transmisión)

Os “Encontros Espresso" son un formato de charlas que se veñen realizando no IIM-CSIC co obxectivo de coñecernos mellor entre nós, coñecer mellor a actividade que se realiza no noso centro e explorar o mundo da ciencia mariña, fomentando a discusión científico-técnica e reforzando vínculos entre grupos onde pode participar tanto o persoal investigador como técnico para compartir o seu traballo, experiencias e resultados.

Son eventos pensados especialmente para o noso persoal, pero todo o mundo está convidado a unirse a través da nosa emisión por streaming.

Este novo formato celebrarase cada dúas semanas, ás 10:00 horas no Salón de Actos do  IIM-CSIC irán acompañados con café de cortesía ("Espresso") para favorecer o bo fluír da comunicación.

Rematamos os Encontros Espresso 2023 da man da nosa compañeira, Laura García Peteiro, do Grupo de EsMaBa - Ecoloxía, Biomarcadores e Xestión Sostible de Bivalvos

"Sementando no mar: Novas aproximacións e ferramentas para un marisqueo e acuicultura sustentables".

O marisqueo e a acuicultura de bivalvos están baseados en invertebrados bentónicos sedentarios con unha forte e persistente estrutura espacial, que require do deseño de estratexias de manexo espazo-específicas. Un plan de manexo espacial adecuado para estes recursos implica un profundo coñecemento, non só da estrutura espacial dos stocks e do esforzo pesqueiro que se realiza en eles, se non tamén dos fluxos de individuos entre sub-poboacións e, por tanto, dos patróns de dispersión larvaria destas especies. Non en tanto, a inclusión de termos relativos á conectividade entre sub-poboacións non é frecuentemente incluído nos plans de manexo destes recursos, en gran parte debido a dificultade de obter estimadores empíricos desta variable.

Neste seminario falaremos de novas ferramentas multidisciplares que están comezando a empregarse en Galicia, (uso de drones, modelos bio-físicos, técnicas de marcaxe natural de larvas, etc.), que permiten identificar poboacións chave para a reposición dos stocks, así como os factores hidrolóxicos e ambientais que determinan eses padróns de conectividade. O uso combinado destas técnicas, ofrece un avance prometedor para a inclusión de parámetros de conectividade nos plans de xestión de estes recursos, peza imprescindible para conseguir unha explotación sustentable do marisqueo e a acuicultura de bivalvos en Galicia.

Laura García Peteiro

Doutora en Bioloxía Mariña e Acuicultura (2009) con ampla experiencia inter-sectorial e interdisciplinar, tendo traballado en ONGs (SEO-BirdLife), empresas do sector da acuicultura (PROINSA S.A.), centros tecnolóxicos (CETMAR), universidades e centros de investigación nacionais (IIM-CSIC, UVigo) e internacionais (UAveiro-Portugal, OIMB-USA). Na súa faceta investigadora, principalmente especializada en acuicultura de bivalvos, patróns de dispersión larvaria, ecoloxía, fisioloxía e xestión de especies sedentarias de interese comercial, destacando a utilización de novas tecnoloxías para a xestión integral dos recursos naturais, como o uso de técnicas de marcaxe natural (“elemental fingerprinting”), o uso de drones para a monitorización de poboacións do intermareal rochoso ou a aplicación de técnicas SIX (Sistemas de Información Xeográfica) que permiten a incorporación da compoñente espacial na xestión dos recursos, sendo o marisqueo e a acuicultura de bivalvos os seus principais focos de interese.

 

More