Mónica Carrera, finalista nos Premios Alumni-UVigo 2022
A investigadora, científica titular no grupo de Química de Produtos Mariños do IIM-CSIC, foi seleccionada entre máis de 80 candidaturas para enfrontar agora as votacións na modalidade de "Investigación".
Se es membro da comunidade Alumni-UVigo | VOTA AQUÍ
Vigo, mércores, 6 de xullo de 2022. A Universidade de Vigo convocou este ano a primeira edición dos Premios Alumni-UVigo, co fin de promover a excelencia e recoñecer o labor persoal e profesional das persoas usuarias da comunidade alumni-UVigo que destaquen por unha traxectoria centrada na vontade de inducir cambios na sociedade.
Un xurado foi o encargado de seleccionar 15 finalistas, das máis de 80 candidaturas presentadas. As persoas seleccionadas repartíronse, contando tres finalistas por cada unha das categorías en xogo: Investigación, Impacto Social, Humanidades, Traxectoria Profesional e Emprendemento.
Unha vez feita a selección, é a quenda da propia comunidade Alumni-UVigo que, a través dun sistema de votación telemático, elixirá á persoa premiada en cada modalidade.
O día 13 de xullo, a Universidade está a preparar unha cerimonia pública onde se darán a coñecer as persoas que levarán a honra de ser as primeiras premiadas deste certame.
O proxecto de comunidade Alumni-UVigo púxose en marcha pola UVigo en febreiro de 2021, en colaboración co Consello Social, para fomentar unha conexión permanente entre a institución e os egresados ao longo de toda a súa vida persoal e profesional.
A finalista do IIM-CSIC, Mónica Carrera Mouriño
A Dra. Mónica Carrera é Científica Titular do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, en Vigo, dende 2020. Licenciada en Bioloxía (UVigo, 1996-2000) e doutorada na mesma materia (IIM-CSIC, 2008), é experta en Proteómica Avanzada aplicada á Calidade e Seguridade Alimentaria. Mónica traballou e colabora con distintos centros de investigación como a propia Universidade de Vigo (UVigo), o CBMSO, a UCM, o IMSB Zürich ou a empresa Thermo Fisher Scientific dos EUA.
Ademais, actuou como Investigadora Principal en 9 proxectos de investigación e aplica as técnicas de Proteómica ao control, estudo e terapia de alérxenos no peixe. As súas investigacións deron lugar a unha patente, ao rexistro de novos alérxenos alimentarios e a métodos rápidos para a detección de alérxenos en alimentos. Actualmente está embarcada no desenvolvemento de vacinas para a alerxia ao pescado.
Se queres saber máis sobre Mónica, non perdas a súa entrevista do pasado xaneiro.