Taller 'E que rico sabe o mar!' | MCG22 | SCT22
O taller terá lugar o 19 de novembro de 17:30 a 19h na Cidade da Cultura de Compostela. Formará así parte da programación do Mes da Ciencia en Galego na Biblioteca de Galicia no Gaiás, no que o CSIC Galicia organizará unha actividade cada sábado deste mes de novembro.
A UCC+I do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) organiza xunto coa Biblioteca de Galicia (Xunta de Galicia), e coa colaboración da UCC Delegación do CSIC en Galicia un contacontos interactivo do cómic “E que rico sabe o mar!” para público infantil de entre 10 e 12 anos. A Actividade esta enmarcada no Mes da Ciencia en Galego.
O desenvolvemento da actividade estará baseada no contacontos interactivo do cómic “E que rico sabe ou mar!”, editado polo IIM (Instituto de Investigacións Mariñas) do CSIC. Daráselles aos participantes a oportunidade de gozar, de forma amena e entretida, de contidos rigorosos e adaptados á súa idade, sobre os alimentos de orixe mariña (pesca e acuicultura), e a rastrexabilidade, conservación e revalorización dos mesmos, entre outros.
O percorrido do taller será da man dos personaxes do cómic, Javi, Aldara e Helena.
Actividade organizada por Biblioteca de Galicia (Xunta de Galicia) e CSIC para celebrar a Semana da Ciencia e a Tecnoloxía no CSIC e o Mes da Ciencia en Gallego nas Bibliotecas.
A reserva é gratuíta previa inscrición na web. Hai 20 prazas.
E que rico sabe o mar!
Segundo número de catro da serie “Viñetas de Ciencias Mariñas”, iniciativa liderada pola Unidade de Cultura do IIM e financiado pola Fundación Xeral CSIC no marco da convocatoria Cuenta la Ciencia.
O cómic, dunhas 15 páxinas, está concibido tanto como unha ferramenta didáctica para as aulas de 5º e 6º de Educación Primaria como para divulgación ao público en xeral. Trata sobre alimentos de orixe mariña procedentes da pesca e da acuicultura, e ten como fío condutor a investigación desenvolvida polo Departamento de Tecnoloxía dos Alimentos do IIM.
Os seus obxectivos inclúen dar a coñecer aspectos básicos dos produtos do mar, a súa relación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e o medio ambiente local, así como educar á escola e ao público en xeral sobre a importancia do océano como fonte de alimentos e bioprodutos relacionados coa nutrición, a saúde e o benestar humano. O obxectivo final é contribuír a aumentar a cultura oceánica e promover unha cidadanía responsable.
A iniciativa, coordinada pola Unidade de Cultura Científica do IIM, busca achegar á sociedade o coñecemento e a investigación sobre o océano e os seus recursos. Inclúe un total de catro números, un para cada un dos departamentos do IIM: Biotecnoloxía e Acuicultura, Ecoloxía e Recursos Mariños, Oceanografía e Tecnoloxía dos Alimentos.