Foto: Ana García

Programa | Cando arde o mar. Saberes Compartidos.

Programa completo | Muros Mira ao Mar

 

Este proxecto do Instituto de Investigacións Mariñas, Consello Superior de Investigacións Científicas (IIM-CSIC) e o Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración con Culturmar, quere establecer un diálogo entre o coñecemento científico e o coñecemento tradicional e experiencial arredor da ardora, a bioluminiscencia producida pola proliferación de fitoplancto. Esta proliferación –xeralmente da especie Noctiluca scintillans, pero tamén doutras especies– está relacionada coa oceanografía e o ciclo estacional do fitoplancto, que afectan directamente á produción de recursos pesqueiros.

O fenómeno, tamén chamado ardentía, está moi presente na cultura mariñeira, e será o fío condutor dun diálogo entre o ámbito científico, explicando as bases biolóxicas, as causas e a súa influencia sobre a abundancia e calidade dos recursos pesqueiros, e as denominacións que ten no noso idioma; a xente do mar, achegando o coñecemento tradicional no ámbito pesqueiro; e artistas con obra directamente conectada coa ardora ou outros fenómenos de bioluminiscencia na natureza.

O público asistente poderá observar in-situ a bioluminiscencia de cultivos de microalgas, nunha instalación desenvolvida polo persoal do IEO e o IIM.

O evento organizado polo Consello da Cultura Galega, o IIM-CSIC, e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial será inaugurado por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, Xosé Pintado, vicedirector de Cultura Científica do Instituto de Investigacións Mariñas (Consello Superior de Investigacións Científicas) e Pepe Sacau, presidente de Culturmar.

Participarán no evento:

  • Luísa Martínez, oceanógrafa, autora e ilustradora de álbums informativos e responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia.
  • Francisco Rodríguez Hernández, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), no grupo de investigación VGOHAB, experto en microalgas e ecoloxía do fitoplacto (https://fitopasion.com/oautor).
  • Xosé Iglesias Lamela, mariñeiro, capitán de pesca e poeta Mar de ardora na paisaxe.
  • Ana María García Suárez, fotoxornalista de La Voz de Galicia desde 1999 autora do libro Mar de Ardora e coautora con outros astrofotógrafos galegos do libro Na procura da noite. Fotografando o ceo nocturno.
  • Francisco Fernández Rei, catedrático de Filoloxía Románica da USC e responsable do Arquivo do Galego Oral do Instituto da Lingua Galega.
  • Fernando Casás, artista plástico experimental que vive entre España e Brasil. Iniciador do movemento de Arte & Natureza e profesor-doutor e investigador na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

Ademáis, contará coa participación especial de Primitivo Pedrosa González, vicepatrón maior da Confraría de pescadores de Muros, con máis de 25 anos de experiencia como patrón de embarcacións de pesca artesanal e veciño de Carnota, onde adoitan “arder as aghuas” no verán.

More