III Ciclo de Conferencias "Aida Fernández Ríos"
Terceira edición do Ciclo organizado pola Deputación de Pontevedra e a Real Academia de Ciencias de Galicia.
Inscrición gratuita | Register for free
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra consideran de interese común colaborar para levar a cabo o Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos e promover así o interese do público en xeral, ademais de promover o enorme traballo científico realizado en Galicia.
O nome do Ciclo provén da investigadora Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947-Moaña, 2015). Aida destacou polos seus coñecementos sobre a acidificación dos océanos por mor do cambio climático e a primeira muller en dirixir o Instituto de Investigacións Mariñas.
Programa de charlas
Descubre o programa completo na páxina oficial do Ciclo
Aida Fernández Ríos
Estudou o bacharelato elemental en Vigo e con 25 anos comezou a traballar como auxiliar de laboratorio (para aquel non se precisaba máis titularidade) no Instituto de Investigacións Pesqueiras do CSIC (IIP-CSIC), actualmente denominado Instituto de Investigacións Mariñas. Compaxinou o seu traballo cos estudos, o que lle permitiu rematar o bacharelato, estudar Bioloxía na Universidade de Santiago e, posteriormente, en 1992, leu a súa tese de doutoramento, dirixida por Fernando Fraga, sobre o Fitoplancto da Ría de Vigo e o seu medio ambiente e condicións. Pouco despois ingresou como investigadora, adscrita, xa no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), centro no que desenvolveu toda a súa carreira ata acadar a máxima categoría como profesora investigadora. De 2006 a 2011 foi directora do Instituto, sendo a primeira muller en acadar esta responsabilidade. Dos estudos sobre fitoplancto pasou á oceanografía física e, finalmente, aos estudos sobre a acidificación dos océanos como consecuencia do cambio climático, nos que se converteu nunha investigadora líder en Europa, dirixindo un Comité Internacional sobre a Xeosfera dende 2005 ata 2011.
En 2015 foi nomeada membro da Real Academia de Ciencias de Galicia (RAGC).