Reservas e + info aquí

A UCC+I do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) en colaboración coa Biblioteca de Galicia (Xunta de Galicia) e coa UCC Delegación do CSIC en Galicia, organiza un obradoiro en torno ao xogo de mesa chamado "ATOPA A ESPECIE!". Esta actividade forma parte do Mes da Ciencia en Galego nas Biblilotecas e da Semana da Ciencia e a Tecnoloxía do CSIC e terá lugar o vindeiro 4 de novembro na Aula I da Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura.

O xogo "ATOPA A ESPECIE!" está deseñado especialmente para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, e ofrece unha combinación de diversión e aprendizaxe a través dun xogo de memoria con especies mariñas autóctonas. Achégate a esta emocionante aventura educativa na que exploraremos as augas de Galicia e descubriremos a importancia de protexer o noso medio mariño.

A participación nesta actividade é gratuita, pero  require unha reserva previa. As prazas son limitadas!.

Aprende xogando! Descubre as Especies Mariñas de Galicia 

🧒🧑 Crianzas de 6 a 12 anos.

"ATOPA A ESPECIE!" é unha oportunidade para aprender xogando e descubrir as especies mariñas de Galicia. Está recomendado para nenos e nenas de 6 a 12 anos, sempre acompañados dunha persoa responsable.

A natureza ofrécenos unha gran cantidade de marabillas por descubrir e a rica costa atlántica de Galicia alberga unha biodiversidade mariña fascinante. O obxectivo desta actividade é achegar aos máis novos a este tesouro natural e promover a súa conservación.

Un xogo educativo baseado na memoria e nas especies mariñas

O xogo educativo consiste en emparellar cartas que representan diferentes especies mariñas que habitan as costas de Galicia. As crianzas mergullaranse no mundo do océano mentres gozan combinando imaxes de peixes, crustáceos e outros habitantes do mar.

Á medida que se mergullan no xogo, tamén coñecerán as diferentes especies mariñas que se atopan nas augas galegas. Con cada carta, aprenderán unha breve e divertida descrición das especies correspondentes, e fomentarase o uso dos nomes comúns en galego,enriquecendo o seu vocabulario e a súa conexión coa fauna e flora da súa contorna.

O valor da conservación

Máis aló da diversión e da aprendizaxe, esta actividade ten un obxectivo fundamental: concienciar á mocidade, ás persoas que xestionarán o noso futuro, sobre a importancia de conservar as especies mariñas e os seus ecosistemas. Galicia conta cunha riqueza natural inigualable nas súas augas, e é fundamental que as xeracións vindeiras comprendan a necesidade de protexer estas especies para o benestar do noso planeta e da sociedade en xeral.

Ao familiarizarse coas especies mariñas e comprender o seu papel no equilibrio ecolóxico, nenas e nenos converteranse en defensores do océano e embaixadoras da conservación. Unha actividade que busca inspirar un amor duradeiro pola natureza e ccontribuír a unha conciencia ambiental que perdure durante toda a súa vida.

More