O ruído mediático da última semana non deixa lugar a dúbidas. Estes días van vinte anos. Dúas décadas de historia que nos separan da maior catástrofe medioambiental documentada fronte a costa galega: o afundimento do petroleiro Prestige a uns 230 km de Fisterra.

Nestes días lemos e escoitamos as lembranzas de persoas que viviron a catástrofe. Voces que crean un relato que comezou aquel 13 de novembro cando, ás 15:15h, o Centro de Salvamento de Fisterra recibiu un sinal de mayday procedente dun petroleiro liberiano, con bandeira das Bahamas, xestionado dende Grecia e con carga suíza.

Esta efeméride garda tamén especial relevancia para o noso Instituto. O IIM converteuse, como era de esperar, nun dos discretos protagonistas desa historia. As nosas memorias son testemuña do cambio que o afundimento trouxo ao traballo que realizaban as 151 mulleres e homes que conformaban, daquela, a nosa comunidade.

Hoxe, na distancia, buscamos contrapoñer tres desas perspectivas que compoñen a memoria colectiva que o noso Instituto garda daqueles días. Tres olladas científicas de profesionais en diferentes etapas da súa carreira que viviron, máis ou menos directamente, aquela traxedia.

Coas súas palabras, unha dobre homenaxe. Primeiro, a todas as persoas que traballaron antes, durante e despois dese mayday, para protexer, preservar e recuperar o noso medio. Segundo, á ciencia e quen a fai posible, unha comunidade sempre disposta a dar resposta aos retos que se lle presentan á sociedade.


Antonio Figueras: "A ciencia foi a que aportou sentido común"

Antonio

Hoxe: investigador principal no grupo de Inmunoloxía e Xenómica do IIM-CSIC.

Daquela: Investigador e director do IIM-CSIC. Membro do Comité Científico Asesor para a catástrofe do Prestige. Voluntario na limpeza da costa.

Le a entrevista completa


Laura G. Peteiro: "O accidente do Prestige cambiou de inmediato o meu día a día"

Laura P.

Hoxe: responsable da Unidade de Internacionalización, Asociación Corporativa e Transferencia de Coñecemento (IACIC) do IIM-CSIC.

Daquela: Licenciada en Bioloxía. Traballadora para SEO/BirdLife e investigadora predoutoral no IIM-CSIC. Voluntaria na limpeza da costa.

Le a entrevista completa


Noelia Fajar: "Non sabía que un dos valentes do Nautile sería o meu director de tese"

Noelia Fajar

Hoxe: investigadora posdoutoral no grupo de Procesos Oceánicos en Cambio Global do IIM-CSIC.

Daquela: estudante de Química na USC. Parte da marea cidadá do “Nunca Máis” na praza do Obradoiro.

Le a entrevista completa

More