O IIM leva a investigación mariña a Madrid cun concerto de Abraham Cupeiro dentro da Ocean Night
Faio con “Neuston 3: En concerto co océano”, en colaboración co Real Jardín Botánico de Madrid (RJB-CSIC) e o artista Abraham Cupeiro, que terá lugar mañá no RJB (entrada por C/ Claudio Moyano, 1).
O concerto é unha réplica do xa realizado en Vigo o ano pasado e que o IIM quere levar agora ao interior xa que “o océano e a ciencia mariña aféctanos igualmente, vivamos onde vivamos”. É o produto final dunha colaboración entre o artista e o persoal do IIM.
Vigo, mércores 20 de setembro de 2023. O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) unirase o vindeiro, 29 de setembro, á European Researchers’ Night (ERN - Noite Europea das Persoas Investigadoras), proxecto europeo de divulgación científica promovido desde 2005 pola Comisión Europea dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte Europa, que ten lugar anualmente a noite do último venres de setembro.
Pola ocasión, persoal do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, con sede en Vigo (Pontevedra), trasladarase mañá a Madrid xunto co multiinstrumentista galego Abraham Cupeiro, para continuar o evento “Neuston 3: En concerto co océano”, que combinará música e ciencia mariña a través da colaboración do IIM co artista.
O evento terá lugar na noite do venres, 29 de setembro, no Real Jardín Botánico de Madrid (entrada por C/ Claudio Moyano, 1). Contará con 2 pases ás 18:30 e ás 20:30h. A apertura de portas será 15 minutos antes de cada pase. É necesaria a reserva previa e gratuíta de asentos a través de Eventbrite a partir do xoves, 21 de setembro.
Este evento será só un dos organizados dentro do marco da “Ocean Night”, proxecto europeo parte da ERN cuxo obxectivo é desenvolver un completo programa de actividades entre os anos 2022 e 2023 para cambiar as percepcións da poboación sobre a ciencia mariña e a importancia do océano. A primeira gran noite inaugural do proxecto celebrouse o 30 de setembro de 2022. Nesa ocasión o IIM organizou este mesmo concerto con Abraham Cupeiro (“Neuston 3”) na cidade de Vigo.
Ao longo deste ano, as entidades participantes en Ocean Night desenvolveron actividades e charlas en colexios ata chegar a este 29 de setembro de 2023, segunda gran noite do proxecto, na que o IIM traerá o seu evento á capital madrileña.
“O IIM ten unha liña claramente marcada pola fusión de Ciencia e Arte. A idea ao levar este ‘concerto co océano’ ao interior é demostrar que a ciencia mariña é importante para toda a sociedade, que o océano nos afecta e que nós afectamos o océano independentemente de onde vivamos” explica Xosé Pintado Valverde, vicedirector de Cultura Científica do IIM-CSIC.
En “Ocean Night” participa o propio Instituto de Investigacións Mariñas (IIM, Vigo) e catro centros do CSIC dedicados ás ciencias mariñas: Instituto Mediterráneo de Estudos Avanzados (Esporles), Instituto de Ciencias do Mar (Barcelona), Centro de Estudos Avanzados (Blanes) e Instituto de Ciencias Mariñas de Andalucía (Cádiz). Colabora a Delegación do CSIC en Galicia a través da súa Unidade de Cultura Científica (UCC), a Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM), o Instituto de Acuicultura Torre do Sal (Castelló) e, nesta ocasión, o Real Xardín Botánico de Madrid (RJB-CSIC).
Abraham Cupeiro (Sarria, 1980), construtor dos seus propios instrumentos e músico, ten na actualidade tres proxectos musicais en marcha: “Resoando no pasado”, “Pangea” e “Sons esquecidos”. Realiza, ademais, un intenso labor de divulgación musical.
“O concerto é o punto final a unha serie de encontros entre Abraham Cupeiro e o persoal do IIM a través da súa Unidade de Cultura Científica. Busca ser unha viaxe musical polo océano, que aúne ciencia e arte a través dos instrumentos.” – explican desde a UCC+I do IIM – “Ademais, é xa o terceiro evento do “Proxecto Neuston”, iniciado en 2007 e coordinado por Xosé Pintado”.
“Abraham e o equipo do IIM comparten varios valores como o afán de exploración, a curiosidade e a paixón por compartir o noso coñecemento. Isto permitiu un encaixe ideal entre ambas as partes na realización desta colaboración, que este ano se ve reforzada pola participación do Real Xardín Botánico”, apunta Xosé Pintado, vicedirector de Cultura Científica do IIM.
“A Ocean Night unha oportunidade única de transmitir o traballo de investigación que realizamos as entidades do CSIC relacionadas co mar en servizo da sociedade. Permitiunos colaborar entre centros de ambas as costas da península, potenciando unha rede que está bañada, á fin e ao cabo, por un mesmo mar. Este ano, ademais, podemos levar a Cultura Oceánica ata o corazón da península, un lugar afastado do océano pero igualmente afectado por el”, engade Gabriela Ojeda, responsable de Cultura Científica na UCC+I do IIM.