- O Programa busca a colaboración entre a comunidade investigadora galega e o tecido social e económico e contará con 3 eidos principais de actuación: a observación e monitorización do medio mariño e litoral, a procura dunha produción acuícola máis sustentable e eficiente e a transformación social e económica da Galicia do mar.

- Contará cun orzamento de 10 millóns de euros e participarán preto de 90 grupos de investigación dependentes do CSIC, a Xunta de Galicia e as tres universidades galegas

Vigo, 28 de xullo de 2022.- Diversos membros do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC participaron onte na 1ª Asemblea Interna do Programa Complementario de Ciencias Mariñas de Galicia, en Santiago de Compostela, previa ao lanzamento oficial da iniciativa que terá lugar trala sinatura dos respectivos convenios.

Máis de 100 representantes das institucións participantes asistiron ao acto, que abriu coa intervención da conselleira do Mar, Rosa Quintana, da directora do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), Paloma Rueda Crespo, e do director do IIM e coordinador científico do Programa en Galicia, Fran Saborido Rey. O peche da xornada correu a cargo de Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

O Programa Complementario de Ciencias Mariñas de Galicia

O Programa en Galicia busca a colaboración entre a comunidade investigadora galega e o tecido social e económico das actividades vinculadas ao mar.

Desenvolto coa colaboración en rede de máis de 250 membros da comunidade científica galega, organízase en 11 Paquetes de Traballo (PTs) que xiran en torno a 3 grandes liñas de actuación.

A primeira liña persegue o establecemento de novas  tecnoloxías, a integración de datos e o desenvolvemento dunha estratexia duradeira para a mellor observación e monitorización do mar e o litoral galego e dos seus recursos.

En segundo lugar, o Programa procura unha maior sustentabilidade e eficiencia da acuicultura galega, mellorando os cultivos e a monitorización do seu estado para a prevención de riscos alimentarios, producindo novas ferramentas para suplir o abastecemento sostible de semente, e apostando pola mellora do benestar animal e por novos sistemas de cultivo como a Acuicultura Multitrófica Integrada (IMTA).

A terceira grande liña de actuación busca unha profunda coordinación de todos os paquetes de traballo, buscando unha transformación real e estrutural da realidade económica e social da Galicia do mar co fomento da cultura científica, a transferencia e a capacitación.

O Programa estará dotado con 10 millóns de euros dos cales 6 proveñen do Ministerio de Ciencia e Innovación e 4 da Xunta de Galicia.

Forma parte do Programa Complementario de Ciencias Mariñas previsto polo Ministerio de Ciencia e Innovación no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR; fondos NextGeneratioEU). Contará, ademais, con financiamento do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP/FEMPA).

Ademais de Galicia, outras sete Comunidades Autónomas están a desenvolver os seus programas de Ciencias Mariñas: Andalucía, Canarias, Cantabria, Comunitat Valenciana, Illes Balears e Murcia.

Á fronte da coordinación do programa, ademais de Fran Saborido Rey do IIM-CSIC, están Rosa Fernández, do CETMAR, e Daniel Rey da Universidade de Vigo.

Unha vez asinados os convenios de colaboración realizarase unha presentación oficial do programa na que se darán máis detalles sobre o seu desenvolvemento ata 2025.

More