
- Este evento pasou.
11F2023 | O programa do IIM-CSIC

O Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (IIM-CSIC) celebra de novo a conmemoración do “Día Internacional das Mulleres e as Nenas en STEM” cun programa cheo de actividades que busca dar a coñecer o papel das mulleres na investigación mariña.
Desde o IIM desenvolveron un programa completo con 3 accións que poñerán luz sobre o papel das científicas e técnicas presentes e pasadas, co obxectivo de achegar a ciencia ao público xeral e, sobre todo, ás #MulleresDaCiencia do futuro.
Acción 1: De cañas coas #MulleresDaCiencia

Nun ambiente relaxado e agradable, o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) convida o público a un encontro coas mulleres que traballan neste centro de investigación. As #MulleresDoIIM contarán, en charlas breves de 10 minutos e para todos os públicos, que fan no seu día a día traballando pola ciencia mariña desde a sede de Bouzas, mentres as persoas asistentes gozan dunha consumición de balde e petiscos de cortesía.
O evento estará presentado por Marta López Cabo, investigadora e actual vicedirectora de Estratexia Científica e Transferencia do IIM, e estará protagonizado por investigadoras (tamén predoutorais!), técnicas de laboratorio e persoal de xestión do IIM-CSIC.
☕ Café De Catro a Catro. R. de Girona, 16, 36211 (Vigo)
?️ Sábado, 11 de febreiro | ⏰ ás 18:30 h..
? Entrada de balde. Inclúe unha consumición. Ata completar a capacidade. Non é preciso reservar con antelación. Os tickets para acceder á consumición entregaranse por orde de chegada.
Acción 2: Lanternas da ciencia

Unha vez máis, o IIM recupera a iniciativa “Lanternas da Ciencia”, tras o éxito acadado co artigo producido o ano pasado.
A doutoranda Clara Mendoza, en colaboración co responsable de comunicación do centro, Jaime Amaro Blanco, pon voz nun perfil que afonda na biografía dunha científica destacada cuxos méritos foron pouco recoñecidos ao longo da historia: Maria Wonenberg.
Clara, unha muller que agora comeza a súa carreira científica no IIM-CSIC, fálanos desta matemática coruñesa, un referente para ela na súa carreira e no seu camiño cara ao doutoramento.
Esta será a 2ª edición da campaña “Lanternas da Ciencia”, cuxa primeira edición viu a luz o 11 de febreiro de 2022 cunha publicación no xornal Faro de Vigo, escrita por Marta López Mozos e protagonizada por Eunice N. Foote, pioneira da crise climática.
A peza publicarase o 11 de febreiro e estará dispoñible de forma aberta na páxina web do IIM-CSIC. A publicación volverá combinar ciencia e arte, a través das ilustracións da artista Laura Romero (@ laurandcolours).
Acción 3: Mulleres de ciencia no teu barrio

A investigación mariña sae ás rúas de Olivia representada baixo a imaxe de mulleres reais que, cada día, traballan pola ciencia desde o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo. A iniciativa “Mulleres de Ciencia no teu Barrio”, unha adaptación da idea orixinal premiada da Universidade de Zaragoza idea orixinal da Universidade de Zaragoza, encherá as marquesiñas da cidade con fotografías destas traballadoras, que tamén contarán ao público algo sobre as súas afeccións, gustos e intereses fóra do ámbito da ciencia a través dunha frase presente en cada imaxe. Todo para demostrar que as mulleres que fan ciencia son mulleres normais e próximas, e para promover un achegamento da sociedade ao mundo da investigación e da innovación. A campaña está organizada pola Unidade de Cultura Científica do IIM-CSIC, coa colaboración do Concello de Vigo na instalación das marquesiñas.
O evento consiste nunha exposición de 12 fotografías de investigadoras, investigadoras predoutorais e técnicas do IIM-CSIC en ata 30 paneis publicitarios (marquesiñas) cedidos en colaboración polo Concello de Vigo. Todas terán unha cita na que a protagonista fala do seu traballo no ámbito da ciencia, así como dunha afección ou interese da súa vida persoal. A instalación comezou o 6 de febreiro e permanecerá nas rúas ata o 27 de febreiro.
Deste xeito, preténdese romper estereotipos e reforzar a idea de que a ciencia é próxima e accesible e que as mulleres que traballan nela son outro colectivo de cidadás da nosa cidade con afeccións, amizades, familiares e intereses diversos como calquera outra persoa.
