
- Este evento pasou.
Novas vías na investigación das vitaminas mariñas: revisitando as preguntas biolóxicas clásicas e explorando novas funcións nos ciclos do carbono, nitróxeno, xofre e ferro

Con motivo da Década das Ciencias Mariñas impulsada pola ONU (#ODS14), que pretende xerar un marco común que garanta que as ciencias mariñas apoien plenamente as accións para xestionar de maneira sostible os océanos e mares do mundo e acadar así os Obxectivos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, os centros mariños do CSIC —IMEDEA, CEAB, ICM, ICMAN e IIM— organizamos un ciclo de conferencias conxunto titulado “Seamposium: abordando novas fronteiras da investigación mariña”, co que se crea un foro de debate arredor dun seminario mensual impartido por unha persoa experta recoñecida en diferentes temáticas mariñas.
Novas vías na investigación das vitaminas mariñas: revisitando as preguntas biolóxicas clásicas e explorando novas funcións nos ciclos do carbono, nitróxeno, xofre e ferro
As vitaminas catalizan milleiros de reaccións bioquímicas que sosteñen a vida en todos os ecosistemas da Terra. Porén, a súa produción está limitada a un grupo relativamente reducido de microorganismos. No océano, as vitaminas teñen un grande impacto no funcionamento dos ciclos bioxeoquímicos, como o do carbono, onde a súa dispoñibilidade se asociou cunha maior produción de biomasa. Máis alá do carbono, varios estudos suxiren que a dispoñibilidade destas coenzimas tamén afecta aos ciclos do nitróxeno e do xofre. Malia a súa importancia, o estudo das vitaminas nos sistemas mariños foi moi limitado e aínda descoñecemos as súas concentracións, así como as súas variacións espaciais e temporais en moitos ecosistemas. Amosarei que as tres vitaminas xeralmente estudadas —biotina, cobalamina e tiamina— non representan os requirimentos vitamínicos totais do plancto. Tomando como exemplo a niacina, amosarei que o estudo da necesidade de coenzimas no mar debe ampliarse e incluír moléculas precursoras de vitaminas, reflectindo así a grande complexidade das interaccións biolóxicas do plancto. Ademais da súa función como micronutrientes, algunhas vitaminas poden ter outras funcións extracelulares unha vez excretadas á auga de mar. Usando as flavinas (variantes da riboflavina) como exemplo, amosarei como algunhas destas moléculas poden catalizar reaccións de oxidación-redución de maneira extracelular e influír na accesibilidade biolóxica do nitróxeno e do ferro. Durante a presentación incluirei exemplos das liñas de investigación emerxentes no campo das vitaminas e debates sobre como as estamos abordando actualmente. Un dos grandes retos actuais é identificar todos os parámetros que afectan ao funcionamento da bomba de carbono dada a crise climática actual.

