O Programa de Ciencias Mariñasde Galicia

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024 – A Cidade da Cultura converteuse  este venres, día 13 de decembro, no epicentro da investigación e innovación mariña en Galicia. Este evento reúne arredor de 200 participantes, entre investigadores e representantes das administracións, sectores produtivos e organizacións do mundo do mar, para avaliar avances e debater os desafíos presentes e futuros da ciencia e as investigacións nestes ámbitos en Galicia.

Baixo o título "Avances fronte aos desafíos identificados e encontro cos sectores do mar",  a xornada foi inaugurada por Javier Alfonso Villares, conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, precedéndoo na benvida aos asistentes J. Francisco Saborido Rey, coordinador científico do Programa e investigador do IIM-CSIC. Conformada como un espazo de diálogo e colaboración arredor das necesidades e retos existentes na Galicia do mar aos que dar resposta dende a investigación, nesta Asemblea destacáronse os avances nas áreas de observación e monitorización do medio mariño, a acuicultura sostible e a transformación social e económica. Durante a xornada, os expertos ofreceron conferencias, mesas redondas e paneis temáticos nos que se debateron os retos e os logros alcanzados até a data de hoxe polas entidades participantes.

Os relatorios destacaron os avances na investigación sobre novas plataformas  e tecnoloxías de observación para obter máis e mellores datos que permitan coñecer o estado do medio mariño e as alteracións que se producen nel así como o seu impacto. Tamén os avances no coñecemento sobre o estado dos recursos e as tecnoloxías para a mellora das producións acuícola, marisqueira e pesqueira foron parte dos temas abordados. A xornada, na súa última sesión, xirou arredor da importancia de conectar estas investigacións coas de carácter socioeconómico, valorando tamén a súa importancia no desenvolvemento das principais políticas públicas para os sectores do mar. 

Presentáronse varias iniciativas innovadoras, como novas plataformas de observación integradas, os avances tamén nas estratexias e na planificación do uso destas ferramentas, un laboratorio virtual mariño e simuladores de eventos extremos, a dixitalización nas cadeas de valor no sector pesqueiro, a aplicación de ferramentas xenómicas para a mellora das producións na acuicultura e no marisqueo, e os avances para a xestión e abastecemento sostible de semente de moluscos. Ademais das innovacións no ámbito das tecnoloxías, dende o Programa presentáronse tamén os avances no coñecemento e nas técnicas de análise socioeconómico que permitirán comprender mellor a medida na que as actividades humanas se ven máis ou menos afectadas polos cambios no ambiente. Tamén a medida na que os instrumentos da nova regulamentación e das estratexias públicas - Economía Azul, Cambio Climático e Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral de Galicia - poderán mellorar a súa eficacia facendo uso de todo o elenco das tecnoloxías e do coñecemento que emerxe deste Programa de Ciencias Mariñas.

Unha aposta pola innovación e a sustentabilidade

O encontro centrouse en tres bloques temáticos que reflectiron a importancia das innovacións en áreas clave como a observación e monitorización mariña, o aproveitamento sostible dos recursos e a resiliencia dos ecosistemas costeiros.

Na primeira sesión abordáronse os retos tecnolóxicos cara a unha observación mariña integrada e sostible. Presentáronse avances sobre as redes de observación destacando avances como as novas plataformas bioxeoquímicas, a automatización de bioensaios ecotoxicolóxicos, e o uso de drons con intelixencia artificial para monitorización de macroalgas no intermareal. Ademais, presentáronse ferramentas e servizos innovadores, como un laboratorio virtual mariño e o desenvolvemento de xemelgos dixitais. Tamén se analizaron as necesidades dos sectores relacionados coa pesca, as enerxías renovables e a sustentabilidade, concluíndo cun debate sobre os retos e prioridades compartidas.

A segunda parte do encontro abordou a actividade pesqueira, marisqueira e acuícola sostibles, coa innovación coma un dos piares fundamentais para garantir a viabilidade do sector nos próximos anos.

Abordáronse diferentes enfoques e tecnoloxías para garantir a sostibilidade na pesca, incluíndo o uso da xenómica na xestión de recursos, modelos "end-to-end" en especies clave, dixitalización na cadea de valor e a análise da sostibilidade dende un punto de vista socioeconómico. Tamén se presentaron solucións innovadoras como o aplicación de intelixencia artificial para mellorar os procesos na industria. A sesión pechouse cun debate sobre estes retos e oportunidades para a sostibilidade pesqueira.

A segunda das mesas mostrou avances en innovación para mellorar a sustentabilidade e eficiencia na acuicultura. Tratáronse temas como a mellora das condicións sanitarias das producións, novas metodoloxías para avaliar o benestar animal, innovación na alimentación sustentable, ferramentas xenómicas e sistemas para diversificar os sistemas da produción na acuicultura. Ademais, representantes do sector compartiron experiencias prácticas sobre a transformación en curso nestes sectores.

A terceira das mesas centrouse en como fortalecer a resiliencia no marisqueo e miticultura. Presentáronse ferramentas como sistemas de predición para alertas ambientais que afectan ás condicións de confort dos cultivos, produción de semente resistente a patoloxías, criopreservación de larvas e semente de moluscos para poder desestacionalizar a produción e modelos para avaliar parámetros poboacionais. Tamén se destacou a importancia da sostibilidade no mexillón galego e no marisqueo, pechando cun debate cos sectores afectados sobre as solucións presentadas.

O coñecemento dos ecosistemas costeiros e o futuro da economía do mar

A sesión final  estivo dedicada á xestión sostible e resiliente do medio mariño,  e destacou o papel do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia en facilitar coñecemento e información para a toma de decisións informada, o desenvolvemento dun marco regulatorio eficaz e das estratexias públicas relacionadas co medio mariño. Discutíronse temas esenciais como a xestión integrada do litoral galego e as oportunidades derivadas da nova lexislación, así como as estratexias de economía azul e de cambio climático para Galicia. Tamén se abordaron sistemas de cuantificación e análise da interrelación das actividades do complexo mar-industria en áreas do litoral, indicadores ambientais integrados como o Ocean Health Index, a relevancia e os mecanismos para  estimar o valor e o balance do carbono azul e servizos recreativos, e os efectos do cambio climático na vulnerabilidade do sector pesqueiro e marisqueiro. A sesión concluíu disertando sobre a medida na que unha estratexia de observación mariña realmente integral e integrada resulta unha ferramenta clave para a comprensión dos ecosistemas costeiros e mariños e a mellora da xestión da relación das actividades humanas sobre os mesmos.

Transversalmente e ao longo de toda a xornada os responsables de moderar e orientar os relatorios fixeron especial fincapé en desenvolver, en paralelo e complementariamente ás investigacións, novas estratexias para lograr unha transferencia de coñecemento transformadora, dirixida primordialmente a mellorar a capacidade do sistema e da cidadanía para facer máis e mellor aproveitamento dos avances científicos en beneficio do conxunto da sociedade.

A reunión constituíuse como un espazo para que a comunidade investigadora das institucións públicas galegas, o sector privado e representantes da administración  compartisen os seus puntos de vista e establecesen a intención de manter o diálogo e amplificar as oportunidades de colaboración. Todo isto baixo o consenso de que a mesma resulta imprescindible para abordar os desafíos compartidos en relación á sostibilidade e xestión dos recursos mariños.

Colaboración entre Entidades de Investigación e o Sector Empresarial

O encontro,  organizado polo Instituto de Investigacións Mariñnas, Consejo Superior de Investigaciones Científicas  (IIM-CSIC), o Centro Tecnolóxico do Mar, Fundación CETMAR e a Universidade de Vigo (UVigo), contou asimesmo coa participación  de todas as institucións e dos centros de investigación que forman parte do Programa; a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade da A Coruña (UdC), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), Meteogalicia, o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) e e os centros propios da Consellería do Mar, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Instituto Galego de Formación Acuícola (IGAFA) xunto con empresas e organizacións que están a impulsar a innovación nos sectores do mar.

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia conta cun orzamento de 10 millóns de euros e está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través do Plan de Transformación Recuperación e Resiliencia con fondos Next Generation EU e o Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. O Programa forma parte do Plan Complementario de Ciencias Mariñas a nivel do Estado, no que ademais de Galicia interveñen as Comunidades Autónomas de Murcia, Andalucía, C. Valenciana, Cantabria, Illes Baleares e Canarias.

Os avances e resultados acadados no Programa de Ciencias Mariñas de Galicia supoñen un paso adiante na mellora da investigación e a innovación no sector, consolidando a Galicia como un referente en ciencias mariñas e impulsando a súa capacidade para afrontar os retos ambientais, sociais e económicos do futuro.

Programa financiado por los fondos europeos FEMP/FEMPA y NestGenerationEU, por el Gobierno de España - Ministerio de Ciencia e Innovación a través del RETC y por la Xunta de Galicia.
More