Programa de Ciencias Mariñas | Reunión de seguimento PT7
O vindeiro xoves, 18 de abril, terá no lugar no CETMAR-Vigo a reunión de seguimento do PT7.
O xoves 18 de abril, no CETMAR, terá lugar a reunión de seguimento do PT7 dentro do Programa de Ciencia Mariñas de Galicia (PCCMMG). O equipo de coordinación estará formado por Jose manuel Fernández Babarro, EsMaBa (IIM-CSIC) e Antonio Villalba García, CIMA-Corón, (CIMA) (PTE)
Desenvolver ferramentas para mellorar a produción marisqueira sostible (PT7)
O marisqueo e a acuicultura de moluscos bivalvos en Galicia son interdependentes de xeito que a sostenibilidade e a mellora da produción de bivalvos requiren actuacións coordinadas en ámbolos dous eidos. Tanto a acuicultura de bivalvos como o marisqueo susténtanse sobre recursos sedentarios bentónicos con ciclos de vida e estrutura espacial complexos, o que ten como consecuencia que dous dos piares principais da economía do mar en Galicia estean sometidos a procesos altamente variables e, polo de agora, pouco predicibles, o que dificulta enormemente a xestión integral destes recursos, en especial pola variabilidade espacial e temporal no recrutamento, que condiciona a dispoñibilidade de semente tanto para a súa engorda en bancos marisqueiros e viveiros (bateas, parques) coma para a repoboación de bancos naturais. O obxectivo xeral do paquete de traballo é proporcionar procedementos e ferramentas que garantan un abastecemento sostible de semente para mellorar e fortalecer a acuicultura de moluscos bivalvos nun contexto de explotación sustentable dos recursos naturais de Galicia, contemplando actuar nas dúas fontes posibles de subministro de semente, o recrutamento no medio natural (Actuación 1) e a súa produción en criadeiros (Actuación 2). Tendo en conta as prioridades do sector galego de produción de moluscos, o traballo centrarase en tres especies, o mexillón Mytilus galloprovincialis, a ameixa fina Ruditapes decussatus e a ameixa babosa Venerupis corrugata. Os resultados servirán de referencia para desenvolver protocolos aplicables a outras especies no futuro.
Actuación 1. O obxectivo é crear ferramentas espazo-específicas para xestionar eficazmente o subministro natural de semente de bivalvos. En primeiro lugar avaliaranse as actuais redes de monitorización dos stocks, mellorando o seu deseño se é necesario, e estableceranse novas metodoloxías que permitan unha maior precisión e eficacia na avaliación de parámetros demográficos chave, como a abundancia larvaria (en conexión co PT6) e a capacidade reprodutiva (incorporando novos biomarcadores). Por outra banda, a través dunha serie de técnicas emerxentes (marcaxe natural por elementos traza e modelado numérico), crearanse matrices de conectividade que permitirán identificar as poboacións máis relevantes como fonte-sumidoiro ante diferentes escenarios climáticos. A información permitirá parametrizar un modelo meta-poboacional que posibilitará predicir a dinámica de dispersión larvaria e a evolución das poboacións ante diferentes situacións. Toda a información integrarase nun Sistema de Información Xeográfica dispoñible en aberto para a súa utilización como ferramenta de toma de decisións na xestión dos recursos, en función de diferentes opcións de manexo e de escenarios climáticos contrastantes.
Actuación 2. Hoxe non hai protocolos que aseguren a produción sostible ó longo de todo o ano de semente de ameixa fina en criadeiro, e os que se empregan para a ameixa babosa aínda non acadan un mínimo aceptable de eficiencia e rendibilidade, mentres que os de mexillón aínda non pasaron dos ensaios a moi pequena escala. O obxectivo é optimizar os protocolos de produción de semente de ameixas fina e babosa en criadeiro, para asegurar o subministro de semente de calidade demandada para a súa engorda e fortalecer a resiliencia dos bancos marisqueiros explotados. A limitación orzamentaria impide incluír na proposta a produción de semente de mexillón en criadeiro e a optimización dos procedementos de preengorda e engorda en medio natural da semente de bivalvos producida en criadeiro; estas actividades aprázanse ata obter financiamento abonda. As tarefas planeadas nesta actuación agrúpanse en tres actividades, (1) establecemento de protocolos fiables de acondicionamento de reprodutores, axustando as condicións abióticas e a nutrición, de indución á posta e de criopreservación de gametos e larvas, para asegurar a produción de semente en criadeiro todo o ano; (2) optimización dos protocolos de cultivo larval e poslarval a través da adaptación de sistemas de fluxo aberto e recirculación, optimización da dieta, procedementos que aseguren a supervivencia na metamorfose e das poslarvas e semente; (3) coñecemento minucioso da microbiota e patóxenos asociados ós distintos estadios e compartimentos de cultivo, mediante metaxenómica e metatranscriptómica. Outras tarefas esenciais vencelladas ás tres actividades fican aprazadas agardando financiamento. Dispoñer de protocolos fiables de produción en criadeiro é condición sine qua non para abordar programas de selección xenética de mellora de caracteres de especial interese, como resistencia a enfermidades ou tolerancia ó estrés ambiental asociado ó cambio climático.
Nesta páxina podes ver máis detalles sobre os paquetes de traballo asociadas ao PCCMMG .
Programa de Ciencias Mariñas de Galicia
O IIM-CSIC coordina, xunto co CETMAR e a Universidade de Vigo, o novo Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, coa protección e xestión sostible dos servizos dos ecosistemas mariños como o seu principal reto, implicando a máis de 89 grupos de investigación galegos.
Esta nova estratexia actuará a través de tres grandes liñas de actuación: a observación e seguimento do medio mariño e do litoral; acuicultura sostible, intelixente e de precisión, e innovación, coñecemento e oportunidades para adaptarse ao cambio na economía mariña.
O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia é un dos sete programas de Ciencias Mariñas dos Plans Complementarios de I+D+i coas Comunidades Autónomas, que forman parte do Compoñente 17, Investimento 1 do Plan de Transformación e Recuperación da Resiliencia da UE. As accións do Programa fináncianse unhas a través dos fondos Next Generation EU e outras a través do Fondo Europeo Maritimo de Pesca e Acuicultura (FEMP/FEMPA).
Nesta páxina podes ver máis detalles sobre as accións asociadas ao Programa lideradas polo Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC.