Santiago de Compostela, xoves 18 de xullo de 2024. A presidencia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en función da candidatura avalada no IIM debatida no Claustro Científico, previo informe preceptivo do Comité Científico Asesor do CSIC, nomeou Beatriz Novoa García nova directora do IIM.

Releva no cargo a Carmen González Sotelo, que exerceu como directora provisional desde decembro de 2023.

A nova directora nomeou ao equipo que a acompañará na Dirección: Luis Taboada Antelo como vicedirector científico e Lucía Sánchez Ruiloba como vicedirectora técnica.

Beatriz Novoa García (Vigo, 1966) é licenciada e doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Iniciou a súa labor investigadora no CSIC en 1990 e en 1997 obtivo unha praza de científica titular no IIM, promocionando sucesivamente a investigadora científica en 2006 e profesora de investigación en 2016.

Foi investigadora posdoutoral na Universidade de Aberdeen (Reino Unido) e completou a súa formación como investigadora nas universidades de Maryland, Maine, Harvard e Pennsylvania (Estados Unidos).

Na actualidade, é xefa do grupo de “Inmunoloxía e Xenómica” e do Departamento de Biotecnoloxía e Acuicultura. As súas liñas de investigación céntranse no estudo das bases moleculares da resposta inmune de organismos mariños mediante análise de expresión xénica. Ademais, estuda procesos inflamatorios asociados a enfermidades humanas empregando o peixe cebra (Danio rerio) como modelo, así como a resposta inmune antiviral. Nos últimos anos, o seu grupo estudou a diversidade microbiana na Ría de Vigo mediante técnicas de secuenciación masiva e bioloxía molecular.

Autora de máis de 260 artigos científicos publicados en revistas SCI, un libro e 20 capítulos de libros. Conta cun elevado índice de impacto (índice H: 59) e figura no Ranking da Universidade de Stanford no 2% dos científicos máis influentes do mundo (tanto polo total da súa carreira como por anos individuais, 2023) e na lista dos investigadores españois máis citados.

Investigadora principal de proxectos de investigación financiados en convocatorias de concorrencia competitiva de ámbito nacional e europeo.

Ten varias patentes e varios premios, entre os que destacan o da Academia Galega das Ciencias e o VI Premio Jacumar de Investigación en acuicultura.

Foi directora/codirectora de 21 teses doutorais e dirixiu ademais teses de máster e de fin de carreira. Tamén participa en programas de doutoramento en colaboración con diferentes universidades e é profesora do Máster Inter-universitario de Acuicultura e de Xenómica e Xenética das tres universidades galegas.

Foi Adxunta de Coordinación de ANEP, Ministerio de Economía e Competitividade. Área de Gandaría e Acuicultura desde 2012 ata 2019. É editora xefa da revista “Frontiers in Aquaculture” e forma parte do comité editorial das revistas “Fish and Shellfish Immunology” e “Developmental and Comparative Immunology”. Desde 2016 a 2023 foi presidenta da Sociedade Internacional de Inmunoloxía de Peixes e Moluscos, sendo actualmente vicepresidenta.

“Entre outros asuntos, desde a dirección do IIM teremos que facer fronte aos importantes problemas de espazo do instituto e ao traslado do mesmo á ETEA”, avanza Novoa.

O IIM

Instituto propio do CSIC de marcado carácter multidisciplinar que aborda dun xeito integral a investigación mariña. Como institución de investigación dedicada á ciencia para o desenvolvemento sostible, pretende dar resposta aos desafíos globais e ás preocupacións locais relacionadas co medio mariño, a través de diferentes liñas de investigación estruturadas ao longo de tres eixos fundamentais:

  1. Sistemas oceánicos e costeiros, para coñecer a relación entre os océanos e o clima, e fundamentar accións urxentes para combater o cambio climático e outros impactos do ser humano no medio.
  2. Vida e ecosistemas mariños, para investigar os mecanismos que permiten o uso sostible dos océanos, mares e recursos mariños, especialmente no ámbito da pesca, a acuicultura e a conservación da biodiversidade.
  3. Sistemas e procesos biolóxicos, para xerar coñecemento que garanta a seguridade alimentaria, e mellore a nutrición, a saúde e o benestar humano, investigando tamén o desenvolvemento de bioprodutos de base tecnolóxica.

A nivel interno, consta de catro departamentos altamente interrelacionados: Oceanografía, Ecoloxía e Recursos Mariños, Biotecnoloxía e Acuicultura, e Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos- que acollen aos seus grupos de investigación.

More