Santiago de Compostela, xoves 29 de setembro de 2022. O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) únese mañá, 30 de setembro, á European Researchers' Night (Noite Europea das Persoas Investigadoras), un proxecto europeo de divulgación científica promovido dende 2005 pola Comisión Europea dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte Europa, que se desenvolve anualmente na noite do último venres de setembro.

En Galicia, o CSIC participa tanto a través dun evento asociado, a “G-Night ”, como a través do seu propio evento, a “Ocean Night”. Este evento está organizado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM, Vigo) e catro centros do CSIC dedicados ás ciencias do mar: o Institut Mediterrani d’Estudis Avançats (Esporles), o Institut de Ciències del Mar (Barcelona), o Centre d’Estudis Avançats (Blanes) e o Instituto de Ciencias del Mar de Andalucía (Cádiz). Colaboran, tamén, a Delegación do CSIC en Galicia a través da súa Unidade de Cultura Científica (UCC), a Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM) e o Instituto de Acuicultura Torre de la Sal (Castellón).

A “Ocean Night” ten como obxectivo crear un completo programa de actividades en 2022 e 2023, coa súa primeira gran noite este venres, 30 de setembro. En Vigo, o IIM, a través da súa Unidade de Cultura Científica, organiza “Neuston 3: En concerto co océano”, con Abraham Cupeiro, artista, construtor e multiinstrumentista . Terá lugar ás 20:30 horas no Teatro Afundación de Vigo, coa apertura de portas ás 20:00 horas. As entradas, de balde, poden reservarse en ataquilla.com.

Abraham Cupeiro (Sarria, 1980), construtor de instrumentos propios e músico, ten actualmente en marcha tres proxectos musicais: “Resoando non pasado”, “ Pangea” e “Sons esquecidos”. Realiza, ademais, un intenso labor de divulgación musical.

“O concerto é o punto final dunha serie de encontros entre Abraham Cupeiro e o persoal do IIM a través da súa Unidade de Cultura Científica. Busca ser unha viaxe musical polo océano, que una a ciencia e a arte a través dos instrumentos”. – explican dende a UCC+I do IIM – “Ademais, é xa o terceiro evento do “Proxecto Neuston”, iniciado en 2007 e coordinado polo investigador do IIM, Xosé Pintado”.

“O afán de exploración, curiosidade e comunicación do coñecemento permitiu un encaixe idóneo do artista co equipo do IIM que comparte, ao fin e ao cabo, estes mesmos valores na súa actividade diaria”, sinala Xosé Pintado, agora tamén vicedirector de Cultura Científica do IIM.

"A Ocean Night é unha oportunidade única de transmitir a comunidade o traballo de investigación que realizamos os organismos de investigación mariña do CSIC en servizo da sociedade. Ademais, permítenos establecer pontes dun a outro lado da península, con dúas costas moi diferentes pero bañadas, ao fin e ao cabo, por unha mesma auga”, engade Gabriela Ojeda, responsable de Cultura Científica da UCC+I do IIM.

Información para os medios

Para facilitar o traballo da prensa, establecéronse unha serie de horarios para os medios gráficos e as entrevistas. A organización conta cunha serie de entradas limitadas para prensa durante o evento. Trala apertura de portas (20:00h), esta entrada será necesaria para acceder aos patio de butacas a gravar nos períodos permitidos. Tamén permitirán que os xornalistas e medios de comunicación sen cámara permanezan durante todo o espectáculo.

16:45-17:45 horas: Ensaio xeral e pase de prensa. Permitirase o acceso a medios gráficos e xornalistas (só para a asistencia ao ensaio, sen posibilidade de interacción nin declaracións. Non se precisa entrada).

19:15-19:55 horas: Reservado para entrevistas con Abraham Cupeiro e/ou persoal do IIM implicado na iniciativa. O tempo da entrevista é limitado, a organización tratará de acomodar as solicitudes dentro das súas posibilidades. Non se precisa entrada.

20:00-20:20 horas: Apertura de portas. Permítese a gravación e a toma de fotografías libre no vestíbulo. Será necesaria a entrada de prensa par o acceso e a a toma de imaxes dentro do patio de butacas.

20:30-20:40 horas: Vídeo e introdución. Permítese a gravación e a toma de fotografías. Precisarase a entrada de prensa para o acceso e a toma de imaxes dentro do patio de butacas.

Concerto : A entrada será necesaria para aqueles medios que decidan permanecer nos patio de butacas. Non se permite a gravación nin a toma de imaxes.

Os medios interesados poden indicar a súa asistencia e necesidades enviando un correo electrónico a comunicaciones@iim.csic.es ou chamando ao teléfono +34 608861676 (Jaime Amaro Blanco, IIM-CSIC).

Prégase aos medios de comunicación interesados en acceder ao patio de butacas despois das 20.00 horas que notifiquen a súa intención canto antes para bloquear a súa entrada. Prégase tamén comunicar canto antes a intención de realizar entrevistas. O acceso e as entrevistas concederanse a criterio da organización.

Aínda que non é necesario, agradecerase a confirmación de asistencia ao pase de prensa ás 16:45 horas.

More