Saltar ao contido
Portada » Noticias » About » Carmen González Sotelo, do IIM, nova delegada do CSIC en Galicia

Carmen González Sotelo, do IIM, nova delegada do CSIC en Galicia

Santiago de Compostela, martes 17 de xaneiro de 2023. Hoxe prodúcese unha substitución á fronte da Delegación Institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia: Carmen González Sotelo, do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) substitúe a Javier Rey Campos, da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), quen cesa a petición propia tras desempeñar o cargo desde setembro de 2021.

A nova delegada institucional exercerá, no eido territorial da comunidade autónoma, funcións de coordinación e representación ante outras institucións públicas e privadas e #ante outros axentes de I+D+i con presenza no territorio, de dirección e xestión e de apoio á actividade de investigación, transferencia do coñecemento e a innovación, formación, difusión e promoción da cultura científica.

Carmen González Sotelo (Caracas, Venezuela, 1961)

Carmen González Sotelo é licenciada pola Universidade de Navarra (1984) e doutora (1991) en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Realizou estancias de investigación no estranxeiro (Brandeis University –EE.UU.; Torry Research Station –Reino Unido- ou University of Texas Branch –EE.UU…), e gañou unha praza de científica titular do CSIC no ano 1998, a través da que comezou a traballar no IIM, dentro do grupo de Bioquímica dos Alimentos. En 2005 promocionou dentro da escala de persoal científico do CSIC a investigadora científica e en 2022 a profesora de investigación (pendente de nomeamento no Boletín Oficial do Estado).

Entre as súas liñas de investigación figuran o desenvolvemento de métodos de análises que permitan garantir a rastrexabilidade e a correcta etiquetaxe de produtos da pesca e acuicultura, a valorización de subproductos de pesca e acuicultura, e en concreto o estudo do potencial do coláxeno e os hidrolizados de coláxeno proveniente de residuos de pel en aplicacións biomédicas e cosméticas.

Autora de máis de 100 artigos de investigación publicados en revistas de alto impacto incluídas na base de datos Science citation index (SCI) e de tres patentes para a identificación de especies en conservas de produtos mariños. Participou en máis 15 proxectos de investigación de ámbito nacional e autonómico e en 11 proxectos da Unión Europea, sendo a investigadora principal de preto de 19 proxectos, entre os que figuran “UE DNAIS” e “LABELFISH”, dos que foi coordinadora.

Na actualidade, coordina “SEATRACES”, financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico, no que participan 10 socios de 5 países europeos, e o proxecto do Plan Estatal “SEAFOOD-IDE”. En ambos se está traballando en metodoloxías que permitan a verificación da orixe xeográfica dos produtos da pesca e acuicultura, así como outros aspectos relacionado coa información que de maneira obrigatoria debe figurar nestes alimentos.

No ámbito da xestión, foi directora (2011-2015) do IIM, instituto do que tamén foi vicedirectora por varios anos.

A Delegación do CSIC en Galicia

O CSIC contou case desde os seus inicios con Delegacións Institucionais nos diferentes territorios. En 1943 creáronse as de Galicia e Navarra e en 1985 estableceuse en Santiago de Compostela a sede da Delegación do CSIC na comunidade autónoma.

Á fronte de cada Delegación do CSIC hai un delegado institucional, funcionario de carreira dalgunha das escalas científicas –profesor de investigación, investigador científico, científico titular– de Organismos Públicos de Investigación. Noméao a Presidencia do CSIC e pode compatibilizar dita función co posto científico que viñese desempeñando ata o nomeamento.

Ata a data, houbo sete delegados institucionais en Galicia: José Manuel Gallardo Abuín (1985-1992), Mª Cruz Mato Iglesias (1992-2002), Amando Ordás Pérez (2002-2006), Uxío Labarta Fernández (2006-2012), Eduardo Pardo de Guevara e Valdés (2012-2019), Antonio De Ron Pedreira (2019-2021) e Javier Rey Campos (2021-2023).