
- Este evento pasou.
II Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra consideran de interese común colaborar para a realización da II Edición do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos para el año 2021 e así promover o interese do público xeral, ademais de impulsar o enorme labor científico levado a cabo en Galicia. A RAGC leva organizando actividades, cursos e ciclos de conferencias en toda a comunidade galega desde a súa fundación no ano 1973 e, en liña cos seus obxectivos (difundir a ciencia e a tecnoloxía), pretende instaurar este ciclo de conferencias no que se abordan distintas temáticas con repercusión na sociedade.
Nun primeiro bloque organízanse conferencias en formato seminario web impartidas por persoas de recoñecido prestixio no seu ámbito profesional propostas pola RAGC. E nun segundo bloque, conferencias en centros de ensino da provincia de Pontevedra dirixidas ao alumnado da ESO.
Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947-Moaña, 2015) foi unha investigadora que destacou polo seu coñecemento sobre a acidificación dos océanos por mor do cambio climático e foi a primeira muller en dirixir o Instituto de Investigacións Pesqueiras
Estudou o bacharelato elemental en Vigo e con 25 anos comezou a traballar como auxiliar de laboratorio (daquela non se precisaba máis titulación) no Instituto de Investigacións Pesqueiras do CSIC, denominado na actualidade Instituto de Investigacións Mariñas. Compaxinou o seu traballo cos estudos, o que lle permitiu concluír o bacharelato superior, cursar Bioloxía na Universidade de Santiago e, posteriormente, en 1992, ler a súa tese de doutoramento, dirixida por Fernando Fraga, sobre o fitoplancto da ría de Vigo e as súas condicións ambientais. Pouco despois entrou como investigadora, adscrita, no Instituto de Investigacións Pesqueiras (IIP), centro no que desenvolveu toda a súa carreira ata acadar a categoría máxima como profesora de investigación. Desde 2006 ata 2011 foi directora do IIP, sendo a primeira muller que acadou esa responsabilidade. Dos estudos sobre o fitoplancto pasou aos de oceanografía física e, finalmente, aos relativos á acidificación do océano como consecuencia do cambio climático, nos que se converteu nunha investigadora de referencia en Europa, dirixindo un Comité Internacional da Xeosfera con eses obxectivos desde 2005 a 2011. En 2015 foi nomeada académica de número da Real Academia de Ciencias de Galicia.
