
- Este evento pasou.
A III edición de Esfera CSIC Norte chega a Vigo para falar de pesca sostible

Inscrición de balde | Inscríbete de balde
O vindeiro xoves 28 de abril, o Instituto de Investigacións Mariñas participará no evento “Esfera CSIC Norte”, iniciativa da Delegación do CSIC en Asturias e da Cámara Oficial de Comercio de Oviedo en colaboración coa Delegación do CSIC en Galicia e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
“Esfera CSIC Norte, con C de Ciencia, Cámaras de Comercio e Cooperación” é un espazo aberto de innovación, investigación, transferencia tecnolóxica, divulgación científica e sector produtivo entre os centros do CSIC do norte e noroeste de España e Castela e León, que integra todos os institutos, centros e unidades mixtas de investigación do CSIC e as cámaras de comercio destas comunidades.
Ata a data celebráronse dúas edicións: en 2019 en Cantabria, “Mellorar a saúde a través dos nosos datos. Novos retos de futuro”, e en 2021 en Asturias, “Hidróxeno. Estratexia para un futuro sostible”.
Nesta edición cóntase coa colaboración da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a Axencia Europea de Control da Pesca, a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo, a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, Marine Instruments e o Banco Santander.
O evento diríxese a todo o sector pesqueiro. O prazo de inscrición, de balde, está aberto a través da seguinte ligazón.
Terá lugar nas instalacións da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía (Rúa República Argentina, 18A, Vigo), e desenvolverase de 09.00 a 14.30 horas a través de relatorios, mesas redondas e obradoiros.
Coincidindo coa celebración do Ano Internacional da Pesca Artesanal, ESFERA CSIC NORTE será un punto de encontro para a transferencia e o intercambio de coñecemento entre os diferentes actores implicados na xestión pesqueira, onde se debaterán as oportunidades para acadar unha pesca sostible desde o punto de vista científico, empresarial, social e das administracións públicas.
Haberá un bloque dedicado a “Retos para unha explotación sostible da pesca”, que contará con relatorios a cargo de persoas expertas na materia con diferentes perfís, entre as que figuran investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas e do Instituto Español de Oceanografía; a empresa Marine Instruments; os presidentes da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo e da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores; e representantes da Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Axencia Europea de Control da Pesca.
A cultura científica é imprescindible para achegar á sociedade os avances científicos e tecnolóxicos, e Esfera contará nesta ocasión coa iniciativa do Instituto de Investigacións Mariñas “E que rico sabe o mar! Sostibilidade do mar á mesa”, segundo número da serie “Viñetas de Ciencia Mariña”, unha ferramenta didáctica para o alumnado e divulgativa para o público xeral, en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Estará dirixida polos responsables da Unidade de Cultura Científica do IIM e participará alumnado de secundaria e de FP.
