Saltar ao contido
Portada » Noticias » About » Francisco Saborido Rey renova como director do Instituto de Investigacións Mariñas

Francisco Saborido Rey renova como director do Instituto de Investigacións Mariñas

Santiago de Compostela, xoves, 17 de novembro de 2022. Francisco Saborido Rey foi reelixido como director do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) para os próximos catro anos. O equipo directivo que o acompañará nesta etapa está formado por catro vicedireccións, dúas delas adscritas que continúan o labor dos últimos catro anos.

“O verdadeiro obxectivo do proxecto de dirección é levar a cabo actuacións concretas que nos permitan acadar os obxectivos que nos marcamos no Plan Estratéxico do IIM, elaborado este ano e que, unha vez aprobado polo claustro, entrará en vigor ata 2026”, explica Saborido, quen engade que “entre os obxectivos desta dirección para os próximos anos está seguir a impulsar a ciencia de calidade, buscando un entorno sostible dentro e fóra do ámbito laboral, e a consecución dun fito importante: a transferencia do IIM á súa nova sede na ETEA (Teis)”.

“O papel da dirección é actuar como unha ‘gran unidade ao servizo da investigación do IIM’. Por iso,  o proxecto debe crear, desenvolver ou reforzar as ferramentas para acadar a misión do IIM, xerar e transferir coñecemento para crear unha sociedade máis sostible”, sinala o director.

O equipo directivo que o acompañará durante os próximos catro anos cambia na súa estrutura e membros.

A vicedirección de Investigación chámase agora Estratexia e Transferencia Científica, coa investigadora Marta López Cabo, xefa do grupo de Microbioloxía e Tecnoloxía dos Produtos Mariños, como responsable. Substitúe así a Eva Balsa Canto.

A vicedirección adxunta de Organización Institucional (antiga vicedirección de Organización) segue a estar dirixida por José M. Fernández Babarro, responsable do grupo de Ecofisioloxía, Biomarcadores e Xestión Sostible de Bivalvos. A ela únese a nova vicedirectora adxunta de Infraestruturas e Sostibilidade coa investigadora Sonia Dios Vidal, do grupo de Patobioloxía Molecular Mariña, á fronte.

Continúa a vicedirección de Cultura Científica, dirixida por Xosé Pintado Valverde, investigador en Ecoloxía e Recursos Mariños, que xa iniciou o proxecto desta vicedirección hai catro anos. Isto consolidouse coa creación e acreditación, por parte da Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT), da Unidade de Cultura Científica (UCC+I) do IIM. “É a segunda Unidade deste tipo do CSIC de Galicia e a primeira propiedade dun instituto do CSIC na comunidade”, destacan dende o IIM.

Un proxecto con catro obxectivos para acadar a misión do IIM

O primeiro gran obxectivo do proxecto de xestión será completar o traslado do instituto á súa nova sede na antiga ETEA, no barrio de Ríos (Teis, Vigo). A sede actual do Instituto estaba prevista para 150 persoas, un número moi superado polos máis de 200 membros do persoal actual.

En segundo lugar, busca promover a ciencia de calidade, innovadora e sostible, “con un cadro de persoal competitivo, unha estratexia común de investigación e un incremento da nosa tasa de innovación, transferencia e asesoramento para a sostibilidade”, sinala Francisco Saborido Rey.

En terceiro lugar, buscarán fortalecer as interaccións estratéxicas en tres áreas xeográficas altamente competitivas: a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, o conxunto do Estado e o ámbito internacional. “Así, búscase establecer e incrementar os grandes avances acadados na última dirección coa creación de unidades especializadas e a execución de actuacións enfocadas a mellorar as conexións do IIM coa cultura, a sociedade, a administración, a política, a xestión, a industria, a tecnoloxía. e mercados, entre outros sectores”, destacan do equipo directivo.

“Un dos nosos obxectivos é promover a Galicia como polo internacional da investigación mariña, reforzando a colaboración cos organismos de investigación da Xunta de Galicia, as tres Universidades e cos nosos compañeiros do IEO. Esta colaboración terá especial relevancia en Vigo, coa Universidade, orientadas ambas institutcións a consolidar o campus científico mariño na ETEA e situando á cidade á cabeza da investigación mariña”, explica Saborido, quen sinala neste sentido que a dirección do IIM coordina o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, dotado con 10 M€ e no que participan todas as institucións de investigación mariña na comunidade.

Por último, co apoio da nova vicedirectora, procurarase buscar un ambiente de traballo sostible, con condicións xustas e axeitado á realidade do Instituto. Tal e como sinala o novo equipo, “calquera reto que pretenda afrontar retos científicos e tecnolóxicos só se pode levar a cabo nun ambiente de traballo digno, xusto, verde e dixital”.

Francisco Saborido Rey (Ares, 1966)

Francisco Saborido Rey (Ares, 1966) é licenciado (1988) e doutor (1994) en Bioloxía pola Universidad Autónoma de Madrid. Comezou a súa labor investigadora no IIM en 1989.  En 2006 obtivo unha praza de científico titular do CSIC no citado centro. Entre 2012 e 2015 desenvolveu o seu traballo de investigación na Universidade de Ciencia e Tecnoloxía Rei Abdullah de Arabia Saudita mediante unha estadía de investigación.

As súas liñas de investigación abordan o estudo da ecoloxía pesqueira de especies explotadas (bacallau, fletán groenlandés, a galiña de mar e pescada) pero tamén das especies costeiras e tropicais, co fin último de asesorar ao Estado dos recursos e medidas para lograr unha explotación sostible.

Foi responsable do grupo de investigación de Ecoloxía Pesqueira (2000-2008), ano no que dito grupo se integrou no grupo de Ecoloxía e Recursos Mariños, do que foi responsable ata 2018, ano no que asumiu a dirección do IIM e cedeu a dirección do grupo ao investigador Graham Pierce.

Participou en 75 proxectos de investigación, dos que dirixiu 52, 32 deles internacionais. A súa produción científica inclúe 158 publicacións e 83 traballos, así como a dirección de nove teses de doutoramento.