Saltar ao contido
Portada » Comités » Comité de Ética e Integridade Científica

Comité de Ética e Integridade Científica

  • Comités

Para que a ciencia que se produce no IIM-CSIC teña un impacto positivo, garantindo a súa calidade e excelencia, é necesario contar coa responsabilidade e conduta íntegra de todas as persoas que interveñen no proceso científico. 

Tal e como se defende no Portal de Ética e Integridade Científica do CSIC, a integridade na investigación implica a vixilancia e promoción dos principios éticos e as responsabilidades profesionais no exercicio da investigación, que inspiran e garanten as boas prácticas científicas.

Aínda que seguen sendo difíciles de definir, os conceptos de “ética” e “integridade” na ciencia están modelados por unha variedade de mandatos e acordos entre diferentes individuos e institucións en todo o mundo.

O Comité de Ética e Integridade Científica (tamén coñecido como CIEC) traballa no IIM-CSIC seguindo as directrices proporcionadas pola Declaración Nacional de Integridade Científica (2015; firmada pola COSCE, a CRUE e o CSIC) e polo Código de Buenas Prácticas Científicas do Consejo (2021) para asegurar a integridade do noso traballo e evitar condutas indebidas que atenten contra a imparcialidade e fiabilidade dos nosos resultados, impidan o debido recoñecemento ao traballo das nosas compañeiras e os nosos compañeiros e frean o progreso da investigación científica e o seu impacto na sociedade, esforzándose por garantir que ninguén fica atrás.

Ademais de manter a “integridade científica”, o noso traballo tamén pretende ser “ético” dentro do ámbito da bioética. A Bioética no CSIC implica actuacións en catro áreas principais: a investigación con seres humanos ou con mostras ou datos sobre eles; a investigación con animais; a investigación con organismos modificados xeneticamente (OMX) e a investigación con axentes biolóxicos que poidan supoñer un risco para a sociedade e o medio ambiente. Xunto con noso Comité de Bioseguridad, o Comité de Ética e Integridade do IIM-CSIC traballa para velar por estes asuntos éticos, desde o respecto á condición, dignidade e autonomía humana e a protección e confidencialidade dos datos persoais ata a protección do benestar animal e a seguridade e sostibilidade do medio ambiente e dos seres que o habitan.

O Comité conta co apoio do Comite de Ética do CSIC, órgano colexiado que ofrece apoio á Presidencia do CSIC desde 2013, dando cumprimento ao artigo 17 do Estatuto da Axencia Estatal do CSIC.