Saltar ao contido
Portada » Comités » Comité de Igualdade e Diversidade

Comité de Igualdade e Diversidade

  • Comités

Como persoas dedicadas a investigar o mundo que nos rodea, no IIM-CSIC coñecemos ben a diversidade que se dá na natureza e sabemos que a comunidade científica non é unha excepción.

Por este motivo nace o Comité de Igualdade e Diversidade, un equipo que trata de aplicar medidas que axuden a resolver conflitos e fagan patentes os problemas relacionados coa discriminación por xénero, raza ou diversidade afectivo-sexual na ciencia.

O grupo de traballo esfórzase por evitar estes comportamentos e facilitar información ao respecto. Traballa desenvolvendo protocolos e implantándoos no noso centro, creando así un espazo seguro e aberto para todas as persoas que traballan aquí facendo ciencia (persoal técnico, investigador e de todo o resto de áreas).

O comité establécese como un dos Comités de Igualdade dos ICUs do CSIC, para aliñar o Instituto cos programas e obxectivos internacionais e estatais en materia de igualdade e diversidade. Isto inclúe os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, como o ODS-5: Igualdade de Xénero, os obxectivos marcados polo Espacio Europeo de Investigación (ERA) e pola Comisión Europea para todo o espazo europeo de investigación e innovación e os mandatos legais que nos marca a lexislación española en materia de igualdade e protección e inclusión da diversidade.

O equipo de igualdade e diversidade do IIM traballa seguindo o exemplo e buscando a coordinación con outras entidades; especialmente intensa é a relación interna coa Unidade de Cultura Científica (UCC+I) e a Biblioteca do IIM, especialmente nas tarefas de visibilización e información. Tamén dentro do CSIC se estableceron lazos con outros Comités, como o Comité Mujeres e Ciencia do CSIC, e, de cara ao exterior, con asociacións afíns como PRISMA – Asociación para a Diversidade Afectivo-Sexual e de Xénero en Ciencia, Tecnoloxía e Innovación e iniciativas con ampla traxectoria como a Iniciativa 11F u Oceánicas desenvolvida polo IEO-CSIC.

Documentación de interese

Na seguinte ligazón podes atopar información relacionada con campañas de sensibilización e formación, plan de igualdade, protocolos e outra información de interese.