Saltar al contenido
Portada » Noticias » Novedades » Ciencia e pesca artesanal únense para traballar na recuperación dos recursos mariños

Ciencia e pesca artesanal únense para traballar na recuperación dos recursos mariños

Un convenio entre Ormaluga, Octolarvae e a Confraría de Pescadores Santa Tecla da Guarda dá continuidade á experiencia de repoboación de camarón e abre novas vías de colaboración para o estudo e recuperación de especies de interese pesqueiro

A Organización de Mariñeiros/as Luso-Galaica (Ormaluga), Octolarvae, filial de I+D da multinacional pesqueira galega Profand, e a Confraría de Pescadores Santa Tecla da Guarda veñen de asinar un convenio de colaboración para impulsar proxectos de investigación sobre o desenvolvemento larvario de especies mariñas de interese pesqueiro e estudar futuras vías de recuperación das súas poboacións no medio natural.

O acordo dá continuidade ao traballo iniciado o pasado mes de maio coa solta de xuvenís de camarón no porto da Guarda e establece un marco de colaboración no que a experiencia e o coñecemento dos profesionais da pesca artesanal se incorporan aos procesos de investigación científica. O convenio permitirá facilitar exemplares e postas para o estudo e o desenvolvemento de métodos de cultivo e, nunha fase posterior, valorar posibles actuacións orientadas á recuperación de poboacións.

Nesta primeira etapa, Octolarvae estudará a eclosión, o desenvolvemento larvario e os métodos de cultivo de diferentes especies, entre elas camarón, centola, nécora, bogavante e ourizo, así como postas de polbo, calamar e choco procedentes da actividade pesqueira.

A colaboración incorpora tamén o coñecemento acumulado polo sector pesqueiro artesanal, que poderá contribuír á identificación das especies e das futuras zonas de actuación. Segundo establece o convenio, estas posibles actuacións deberán combinar criterios científicos e ecolóxicos co coñecemento tradicional dos profesionais do mar, integrando diferentes fontes de coñecemento para abordar a recuperación dos recursos.

Esta visión conecta coas liñas de investigación da unidade mixta ACUIREGAL, impulsada polo CSIC, a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), Octolarvae (Profand) e o Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa (ICSEM). ACUIREGAL traballa no desenvolvemento dunha estratexia de acuicultura rexenerativa en Galicia, orientada á conservación da biodiversidade mariña e á recuperación de poboacións mediante a investigación e a colaboración entre os sectores científico e pesqueiro.

A iniciativa está financiada pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e cofinanciada con fondos europeos Galicia-FEDER.

A acuicultura rexenerativa busca así explorar novas formas de utilizar o coñecemento e as técnicas de cultivo para contribuír á recuperación dos ecosistemas e dos recursos mariños, establecendo pontes entre a investigación, a actividade pesqueira e a conservación do medio.

Para a Confraría de Pescadores Santa Tecla da Guarda e Ormaluga, esta colaboración representa unha oportunidade para poñer o coñecemento científico ao servizo do futuro da pesca artesanal. Como sinalan ambas entidades, “a pesca artesanal non só ten que pensar no que podemos extraer hoxe, senón tamén no mar que queremos deixar mañá”, apostando pola colaboración entre ciencia e coñecemento dos profesionais do mar para avanzar na recuperación dos recursos.

O convenio terá unha duración inicial dun ano e permitirá avanzar no coñecemento do desenvolvemento larvario de diferentes especies e avaliar novas posibilidades de colaboración entre o sector pesqueiro e científico.

Ciencia e pesca artesanal da man para traballar pola recuperación dos recursos mariños e construír o futuro do mar.