- Este evento ha pasado.
O IIM-CSIC achega á G-Night 2026 dúas actividades para descubrir o mar e as súas conexións coa sociedade

O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) participará na G-Night 2026, a Noite das Persoas Investigadoras, que se celebrará o vindeiro venres 25 de setembro no Centro de Ocio A Laxe de Vigo. A iniciativa, liderada e coordinada pola Universidade de Vigo, contará coa colaboración de diferentes institucións científicas e académicas de Galicia, entre elas o IIM-CSIC, que estará presente cunha programación propia para achegar a investigación mariña á sociedade dun xeito participativo e ameno.
O IIM-CSIC participará nesta edición con dúas actividades interactivas, propostas polo Grupo de Ecoloxía Mariña Integrada e polo Grupo MARSOCIAL, que permitirán coñecer diferentes liñas de investigación desenvolvidas no Instituto e achegarse a cuestións relacionadas co estudo do medio mariño, os recursos pesqueiros e as comunidades costeiras.
Animais baixo as ondas. Estudando o movemento e o comportamento animal das nosas rías
O Grupo de Ecoloxía Mariña Integrada, baixo a responsabilidade de Alexandre Alonso, presentará nesta actividade diferentes ferramentas empregadas para estudar o movemento e o comportamento dos animais mariños que habitan nos fondos das nosas rías.
As persoas participantes poderán coñecer de maneira práctica a telemetría acústica submarina, unha das técnicas utilizadas para seguir os desprazamentos dos animais no medio mariño e comprender mellor como utilizan o seu hábitat.
A actividade enmárcase no proxecto CONECTEE, financiado a través do programa de proxectos de investigación en parques nacionais.
Dende o mar ao prato – unha cadea de xogo
O Grupo MARSOCIAL propón, pola súa banda, un percorrido interactivo para descubrir que sucede cun produto pesqueiro desde que se obtén no mar ata que chega ao noso prato.
A actividade estará coordinada por Katina Roumbedakis e Xochitl Édua Elías, coa colaboración de Mónica Mandado, e desenvolverase a través dun xogo no que as persoas participantes poderán coñecer as diferentes etapas e decisións que forman parte das cadeas de valor pesqueiras: as actividades previas á pesca, a propia actividade pesqueira, o transporte, a transformación, a comercialización e o consumo.
A proposta permitirá abordar, dun xeito sinxelo e participativo, cuestións como a oferta e a demanda de produtos pesqueiros, a pesca ilegal, o papel das mulleres no sector ou a capacidade de adaptación e resiliencia das comunidades costeiras fronte aos cambios ambientais e outras adversidades.
A actividade completarase coa exposición fotográfica «Entre mares e comunidades. Retratos da pesca artesanal polo mundo», que ofrece un percorrido pola pesca artesanal en diferentes partes do mundo, mostrando a diversidade desta actividade e a relación entre as comunidades e o mar a través das súas fotografías. A exposición pon en evidencia non só os coñecementos, tradicións e formas de vida das comunidades pesqueiras, senón que tamén nos achega a algúns dos retos que afrontan e á súa capacidade para adaptarse a eles.
Katina Roumbedakis participa no proxecto SUCCEPHS – A Pathway Towards Sustainable Use and Conservation of Cephalopod Stocks, financiado polo programa de investigación e innovación Horizon Europe da Unión Europea, no marco da bolsa posdoutoral Marie Skłodowska-Curie.
Xochitl Édua Elías desenvolve o seu traballo no marco do proxecto REGEN-SEA – Regenerative and Resilient Futures in Marine Social-Ecological Systems, financiado a través das Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral 2026 da Xunta de Galicia.
Unha iniciativa para achegar a investigación á sociedade
A participación do IIM-CSIC na G-Night 2026 forma parte da súa colaboración nesta iniciativa, liderada e coordinada pola Universidade de Vigo, que reúne diferentes institucións científicas e académicas de Galicia co obxectivo de achegar a investigación á cidadanía.
Xunto coa Universidade de Vigo e o IIM-CSIC, na G-Night participan tamén diferentes centros do CSIC e do Instituto Español de Oceanografía.
A xornada desenvolverase no Centro de Ocio A Laxe de Vigo, de 18:00 a 21:00 horas, cunha programación aberta ao público e actividades pensadas para todas as idades, que ofrecerán a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo que se desenvolve nos centros de investigación galegos.

