
- Este evento pasou.
Quilómetros pola diabetes

Iniciativa promovida pola Fundación Diabetes Cero e a Asociación Diabetes Madrid que consta dunha carreira virtual con 17 paradas, asociada cada unha a un Obxectivo de Desenvolvemento Sostible da ONU (ODS). Mediante unha app, as persoas participantes contan os seus pasos e a app amósalles contidos relacionados co ODS de cada meta unha vez que a acadan.
O IIM é a entidade seleccionada para a única etapa desta iniciativa en Galicia, en Pontevedra, dedicada ao ODS-14, vida submarina. Será do 29 de outubro ao 1 de novembro.
O IIM porá a disposición das persoas participantes recursos divulgativos co obxectivo de achegar as persoas corredoras á cultura oceánica que o centro promove desde a súa Unidade de Cultura Científica.
Algúns destes recursos inclúen as curtametraxes audiovisuais de “Kaleidolabs”, promovida en 2014 coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) co obxectivo de dar a coñecer o labor do IIM, a biodiversidade das augas galegas e as actividades mariñas relacionadas co mundo mariño.
Tamén o documental “SyngDoc”, promovido en 2017 coa colaboración da FECYT e cuxa finalidade é divulgar que son os signátidos, as principais curiosidades sobre estas especies tan descoñecidas, a súa vulnerabilidade, derivada das súas características biolóxicas, ecolóxicas e da súa organización social e espacial, e a necesidade de protección.
Tamén se porán á disposición da organización da carreira virtual os vídeos producidos o pasado xuño coa iniciativa “ArelaDeMar”. Nesta campaña promovida polo Día Mundial dos Océanos, o IIM, en coordinación co ICM-CSIC de Barcelona, colaborou con diferentes artistas locais, investigadores e investigadoras que expresaron, en forma de pequenas obras de arte, os seus desexos para o océano.
Por último, a ocasión servirá tamén para dar a coñecer o novo vídeo institucional do IIM, que se estreará ao longo do mes de outubro no marco da European Green Week. Este vídeo pretende presentar unha visión actual e real de todo o traballo que realiza o Instituto para producir, aplicar e comunicar o coñecemento que nos achegan os océanos desde unha perspectiva multidisciplinar.
