O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) participará na G-Night 2026, a Noite das Persoas Investigadoras, que se celebrará o vindeiro venres 25 de setembro no Centro de Ocio A Laxe de Vigo, cunha programación aberta ao público que permitirá achegar a investigación mariña á cidadanía a través de dúas actividades.
A iniciativa, liderada e coordinada pola Universidade de Vigo, reunirá a diferentes centros do CSIC, entre eles o IIM-CSIC.
A xornada desenvolverase no Centro de Ocio A Laxe, en Vigo, en horario de 18:00 a 21:00 horas, cunha programación deseñada para achegar a ciencia á sociedade dun xeito participativo, ameno e accesible.
Dúas propostas do IIM-CSIC para coñecer mellor o noso mar
O IIM-CSIC estará presente na G-Night con dúas actividades que permitirán descubrir diferentes dimensións da investigación que se desenvolve no Instituto.
ANIMAIS BAIXO AS ONDAS. Estudando o movemento e o comportamento animal das nosas rías
O Grupo de Ecoloxía Mariña Integrada, baixo a responsabilidade de Alexandre Alonso, amosará e explicará as técnicas de investigación que emprega para estudar o movemento e o comportamento dalgúns animais mariños que viven nos fondos das nosas augas.
Entre estas técnicas atópase a telemetría acústica submarina, que permite seguir os desprazamentos dos animais no medio mariño e comprender mellor como utilizan o seu hábitat.
O taller enmárcase no proxecto CONECTEE, financiado a través do programa de proxectos de investigación en parques nacionais.

DENDE O MAR AO PRATO. Unha cadea de xogo
O Grupo MARSOCIAL, con Katina Roumbedakis e Xochitl Édua Elías como responsables da actividade, propón un percorrido interactivo para descubrir que sucede cun produto pesqueiro desde que se obtén no mar ata que chega ao noso prato.
A través dun xogo, as persoas participantes poderán coñecer algunhas das diferentes etapas e decisións que forman parte das cadeas de valor pesqueiras: as actividades previas á pesca, a propia actividade pesqueira, o transporte, a transformación, a comercialización e o consumo.
A actividade permitirá abordar, dun xeito sinxelo e participativo, cuestións como a oferta e a demanda de produtos pesqueiros, a pesca ilegal, o papel das mulleres no sector ou a capacidade de adaptación e resiliencia das comunidades costeiras fronte aos cambios ambientais e outras adversidades.
A proposta completarase cunha exposición fotográfica sobre diferentes pesqueiras de distintas partes do mundo, que permitirá achegarse ás diversas realidades e contextos das persoas e comunidades que viven e traballan vinculadas ao mar.
Esta actividade desenvólvese tamén no ámbito de dous proxectos vinculados ás investigadoras responsables.
Por unha banda, Katina Roumbedakis participa no proxecto SUCCEPHS – A Pathway Towards Sustainable Use and Conservation of Cephalopod Stocks, financiado polo programa de investigación e innovación Horizon Europe da Unión Europea, no marco da bolsa posdoutoral Marie Skłodowska-Curie.
Pola súa banda, Xochitl Édua Elías desenvolve o seu traballo no marco do proxecto REGEN-SEA – Regenerative and Resilient Futures in Marine Social-Ecological Systems, financiado a través das Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral 2026 da Xunta de Galicia.

Ciencia para compartir coa sociedade
A participación do IIM-CSIC nesta nova edición da G-Night forma parte do compromiso institucional do Instituto coa divulgación científica e coa achega da investigación mariña á sociedade, pero tamén pon de manifesto a súa vontade de colaborar con outras institucións e organismos de investigación para contribuír, de maneira conxunta, a achegar a ciencia á cidadanía.
Neste caso, a participación na G-Night, unha iniciativa liderada e coordinada pola Universidade de Vigo, constitúe un exemplo de colaboración entre institucións de investigación para compartir co público o coñecemento e o traballo que se desenvolve nos seus centros, favorecendo o encontro entre a ciencia e a sociedade.
Máis información: https://gnight.gal/cidades/vigo/

