Saltar al contenido
Portada » Noticias » Novedades » O IIM-CSIC recibe o alcalde de Vigo para amosar a excelencia da súa investigación mariña.

O IIM-CSIC recibe o alcalde de Vigo para amosar a excelencia da súa investigación mariña.

A visita permitiu coñecer de primeira man o traballo dos grupos de investigación e o labor do persoal científico, técnico, de xestión e formación que desenvolve a súa actividade desde Vigo con proxección nacional e internacional

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) para coñecer de primeira man a investigación mariña que se desenvolve no Instituto e as capacidades das súas instalacións. Durante a visita estivo acompañado pola tenente de alcalde, Elena Espinosa, e foi recibido pola directora do IIM-CSIC, Beatriz Novoa, a vicedirectora técnica, Lucía Sánchez, e o xerente, Alberto Espinosa, así como por Carmen González, delegada do CSIC en Galicia e investigadora do Instituto.

A visita incluíu un percorrido polos espazos de traballo dos diferentes grupos de investigación e polas instalacións do IIM-CSIC. Durante o percorrido, investigadoras e investigadores explicaron o traballo que realizan e achegaron ao alcalde a actividade científica que se desenvolve no día a día do centro.

No encontro participou tamén unha representación das diferentes persoas que forman parte da comunidade do IIM-CSIC: persoal investigador, técnico e de xestión, cuxo traballo conxunto resulta fundamental para o desenvolvemento da actividade científica. Participaron igualmente investigadores e investigadoras predoutorais que se están formando no Instituto, unha nova xeración que constitúe unha parte esencial do futuro da investigación mariña.

O IIM-CSIC conta actualmente con 16 grupos de investigación e máis de 70 proxectos activos, nos que se combina a investigación coa formación, a divulgación e a transferencia de coñecemento. Unha actividade que conecta o traballo desenvolvido nos laboratorios e instalacións do Instituto con diferentes ámbitos da sociedade e cos grandes retos aos que se enfronta o medio mariño.

Para unha cidade como Vigo, estreitamente vinculada ao mar, a presenza dun centro público de investigación como o IIM-CSIC representa tamén unha oportunidade para achegar o coñecemento científico á realidade da cidade. A visita permitiu á representación municipal coñecer directamente non só os resultados dos proxectos, senón tamén as persoas, os equipos e as infraestruturas que fan posible esta actividade científica.

A investigación pública desenvolvida no Instituto contribúe á xeración de coñecemento sobre cuestións que afectan directamente ao medio mariño e pode favorecer a resposta a retos como o cambio climático, a conservación dos ecosistemas mariños ou a sustentabilidade das actividades ligadas ao mar, a través da transferencia do coñecemento e da colaboración con diferentes ámbitos da sociedade.

Para a directora do IIM-CSIC, Beatriz Novoa, a visita supón unha oportunidade para achegar á cidade o traballo que se desenvolve no Instituto: “Estamos moi orgullosos de que nos visite o alcalde de Vigo. Vigo é mar e é investigación, e é un dos lugares con máis talento investigador no mar”. Novoa destacou tamén que foi unha ocasión para dar a coñecer as investigacións que desenvolven os 16 grupos do Instituto para analizar os problemas que existen actualmente no mar.

Pola súa banda, Abel Caballero salientou a importancia da investigación mariña ante os efectos do cambio climático e referiuse ao persoal do IIM como “as guerreiras do cambio climático”, ademais de cualificar o Instituto como “un luxo para Vigo”.

Sin Título
Laboratorio 7
Image
Laboratorio 6
Laboratorio 5
Otrznzhvmb2cmkumxdffwcgfwh58ooem6evrn0zm
Laboratorio 2
Da48e5b5 Ba8f 4d7a 8afc Ad9a37ef1ec4 (1)
Laboratorio 1