Ciencia mergullada no museo | Día Mundial do Océano 2023
O IIM-CSIC celebra o Día Mundial do Océano cun evento no Museo do Mar de Galicia organizado pola Unidade de Cultura Científica e a Unidade de Monitoreo e Observación do Medio Mariño.
ENTRADAS DISPOÑIBLES A PARTIR DO 2 DE XUÑO, ÁS 17 HORAS
🗺️ No Museo do Mar de Galicia
🗓️ 8 de xuño | ⏰ 18:00h
👪 Recomendado para maiores de 14 anos
Sabias que a ciencia tamén se fai baixo a auga? En Ciencia Mergullada convidámoste a mergullar xunto ás investigadoras e técnicos do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC (IIM-CSIC) para descubrir ás investigacións que realizan, tamén, dende o fondo da nosa ría.
Grazas á participación da sociedade cooperativa 13GRADOS e a noso compañeiro Manuel García Blanco, da Unidade de Monitorización e Observación do Medio Mariño (UMO), o evento contará con imaxes reais dos mergullos dos equipos de investigación deste centro científico de Bouzas. Ademais, as persoas asistentes poderán participar nunha visita guiada polos fondos mariños grazas ao emprego de lentes de realidade virtual coas que poderán visualizar en 360º o foco das investigacións do IIM-CSIC.
O evento comezará ás 18h (Vigo-CEST) cunha introdución na que o persoal científico e técnico do IIM-CSIC nos contará, de primeira man, como é traballar a varios metros baixo a superficie da ría de Vigo. Posteriormente, por quendas, as persoas asistentes poderán realizar a visita guiada virtual e gozar cunha visita, de balde, a parte da colección do Museo do Mar de Galicia en Vigo.
Entradas gratuítas previa reserva. Só para maiores de 14 anos.
Evento organizado pola Unidade de Cultura Científica (UCC+I) e a Unidade de Observación e Mostraxe do Medio Mariño (UMO) do Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (IIM-CSIC).
Coa especial colaboración de 13GRADOS, do Museo do Mar de Galicia e do proxecto europeo OCEAN NIGHT (101061165).
Programa de actividades
A actividade comezará ás 18:00 horas:
- Benvida e agradecementos
- Presentación do traballo subacuático do IIM-CSIC
- Experiencia de 360º con lentes de realidade virtual e visita libre ás salas do museo
Vémonos no Museo do Mar de Galicia o 8 de xuño ás 18:00 para vivir esta gran experiencia virtual baixo a auga 😊😍🌊
Dous proxectos implicados
No evento contaremos con representantes da comunidade científica e técnica do IIM-CSIC, que traballan activamente (moitas veces baixo a auga) nos seguintes proxectos:
Proxecto NEMUNO
O proxecto do grupo de Procesos Oceánicos en Cambio Global, "Metabolismo del ecosistema de una región de afloramiento costero: integración de los dominios pelágico y bentónico" (NEMUNO), financiado por Ministerio de Ciencia e Innovación (PID2021-122238OB-I00), é unha peza clave para comprender o funcionamento das rexións costeiras, é coñecer o metabolismo neto do ecosistema, é dicir, o equilibrio entre a produción primaria e a respiración total.
Sendo conscientes dos diversos e valiosos hábitats existentes nas Rías Baixas, o proxecto NEMUNO aborda o estudo do equilibrio entre a produción primaria e a respiración en diferentes hábitats mediante medicións de moi alta frecuencia de osíxeno e velocidade da corrente con instalacións no mesmo fondo do mar.
Proxectos MOVE e CONECTEE
Dous proxectos clave do grupo de Ecoloxía e Recursos Mariños que buscanestudar o movemento e comportamento das especies costeiras (peixes óseos e elasmobranquios) utilizando ferramentas de telemetría acústica para identificar os corredores e puntos críticos de conectividade destas poboacións.
Podes ver máis información nas súas páxinas: