Vigo, xoves 20 de decembro de 2023. O Departamento de Oceanografía do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC acaba de presentar o Calendario “Manifesto Océano 2024”. Nesta quinta edición, estudantes de comunidades costeiras de América, África e Europa colaboraron ao longo deste ano no desenvolvemento da iniciativa Manifesto Océano.

Da costa do Atlántico participaron estudantes da comunidade Cananéia en Brasil, de Luanda en Angola, e familias da Asociación de Mulleres Salgadas de Galicia. Da costa do Pacífico implicáronse comunidades indíxenas pomo de California e mapuche-huilliche de Chile, que falan kashaya e mapudungún, respectivamente. Os puntos de encontro entre estes grupos abarcan desde un forte vínculo co Mar, interese e preocupación por cuestións ambientais, ata un arraigado aprecio polas súas tradicións e cultura local.

Como resultado deste proceso de colaboración interxeracional elaborouse este calendario -editado en portugués, inglés, castelán e galego, onde os debuxos, seleccionados polos propios estudantes, ilustran cada mes acompañados de reflexións sobre a importancia da conservación dos ecosistemas mariños e a súa conexión persoal co Mar. “O mar non é un obstáculo, é un camiño para quen sabe navegar”, indica a moza brasileira Julia Lourenço, de 14 anos. Josemar Sabi de Angola, 15 anos, e Javiera Barrientos de Chile, 10 anos, lémbrannos a importancia do mar como fonte de alimentos e a necesidade de coidalo. E Koda Pinola, de 7 anos, relata que lle encanta relaxarse vendo as ondas e “camiñar descalzo pola area” das praias de California.

Manifesto Océano é unha iniciativa do IIM-CSIC centrada en concienciar á sociedade sobre a necesidade de protexer os ecosistemas mariños e, á vez, aproveitar a solidariedade destas datas para apoiar ás familias de Bicos de Papel que se enfrontan ao cancro infantil no Hospital Álvaro Cunqueiro.

More