CSIC commemorates “International Day for Women & Girls in STEM 2021" in Galicia
Propostas promovidas pola Delegación Institucional, a MBG, o IEGPS, o IIM e o IIAG.
- Realizaranse iniciativas adaptadas á situación sanitaria entre o 1 e o 25 de febreiro.
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2021. O Consello Superior de Investigacións Científicas únese un ano máis en Galicia á conmemoración do “Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia” cun programa de actividades que leva a cabo a través de charlas en centros de ensino e por videoconferencia, encontros con estudantes e docentes e webinarios divulgativos.
A Delegación Institucional en Galicia promove, a través da súa Unidade de Cultura Científica (UCC), encontros con estudantes e docentes baixo o título “Ciencia en feminino. As científicas tamén foron á escola e ao instituto”, no marco, á súa vez, do proxecto Faro da Escola/A Opinión da Coruña. As relatoras son Luisa Martínez Lorenzo (UCC), Marta López Cabo e Eva Balsa Canto (Instituto de Investigacións Mariñas). Estes encontros son o 18 de febreiro en centros educativos que participan no citado proxecto para alumnado de Primaria e ESO.
A Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra) participa o 10 de febreiro nas mesas redondas promovidas por GCiencia e o Concello de Pontevedra co relatorio “Investigar en pandemia”, a cargo de Elena Cartea González.
O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (Santiago de Compostela) enmarca nesta conmemoración o webinario que impartirá, o 16 de febreiro Diana Peláez Flores, da Universidade de Santiago de Compostela, no “I Ciclo de Webinarios Divulgativos del IEGPS: Vidas Medievales en Galicia” e que leva por título “Doña Juana de Castro: una vida en la corte, un reino fugaz”.
O 25 de febreiro Lara García Alves, do Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo), impartirá para o alumnado de Primaria do CEIP San Francisco Xabier (A Coruña) a videoconferencia “Vida nunha pinga de auga de mar: a biodiversidade microscópica”.
Ademais, dende o día 11 de febreiro, a UCC do IIM levará a cabo entrevistas curtas ás mulleres do instituto que se publicarán nas súas redes sociais e nunha páxina creada para a ocasión baixo o título “11 Respostas para ou #11 F”. Ao longo deste mes, a páxina irase alimentando coas entrevistas, algúns vídeos que transmitirán ese contido nun formato diferente e un dossier, traducido a galego e castelán, que servirá como recurso divulgativo e exemplo do traballo as traballadoras do IIM. A través destes elementos, o público xeral poderá coñecer os perfís de Mónica Carrera Mouriño, Lucía Sánchez Ruiloba, Rosa Reboreda Bouza, Cristina García Fernández, Eva Balsa Canto, Carmen Piñeiro González, Paula Gutiérrez Muñoz ou Laura García Peteiro.
O IIM tamén participará na iniciativa estatal #Cuéntame11F.
Científicas e técnicas do Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia desprazaranse estas semanas a centros de ensino para explicar o seu traballo e as súas liñas de investigación.
O 5 de febreiro Montserrat Díaz Raviña impartiu a conferencia “Descubrindo ás científicas invisibilizadas” para o alumnado de 3º de ESO do IES Pontepedriña (Santiago de Compostela). O 11 de febreiro impartirá de novo esa conferencia para outro grupo do citado IES e para o alumnado de Primeiro de Bacharelato do IES Rosalía de Castro.
Mañá, 9 de febreiro, Concepción Sánchez Fernández impartirá para o alumnado de 3º e 4º de ESO do IES de Cacheiras (Santiago de Compostela) a conferencia “Biotecnología Forestal. La ciencia no tiene género”.
O 1 de febreiro Nieves Vidal González impartiu para o alumnado de 3º e 4º de ESO dos IES Illa de Ons (Bueu) e Johan Carballeira (Bueu) a conferencia “ As árbores tamén precisan de ti”. Esta semana, os días 10 e 11 de febreiro, impartirá ditas charlas no CEIP Mestre Rodríguez Xixirei (Santiago de Compostela) e o IES Eduardo Pondal (Ponteceso), respectivamente, e o 25 de febreiro para o alumnado de Bacharelato do IES As Fontiñas “E agora, que facemos cos bosques?”.