PROGRAMA | ForoACUI XXV 

O vindeiros, xoves, 5 e venres, 6 de outubro, no Auditorio Municipal do Grove, celebrarase o XXV Foro dos Recursos Mariños e Acuicultura das Rías Galegas.

Este Foro é un encontro anual que naceu en 1998 co obxectivo de ser un espazo de referencia para comunicar a realidade e as perspectivas de futuro da pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia. Os principais obxectivos son, a formación, a divulgación e principalmente, a interacción entre o persoal investigador, o sector empresarial e a Administración.

A primeira xornada abrirase cunha conferencia inaugural da man de Albert Tacon (visitante Universidade de São Paulo- Brasil) e con dúas mesas de traballo repartidas o longo da maña unha do Instituto de Acuicultura de la USC, e outra sobre o Marisqueo e Pesca de Baixura.

A segunda xornada centrarase no tema da acuicultura do futuro onde falarán representantes sociais e expertos científicos que achegarán a súa visión múltidisciplinar do debate en cuestión. 

O evento finalizará coa entrega de: XVIII Premio ao mellor póster e audiovisual (Patrocinado pola SEA).

Ademais, este ano, o evento vese ampliado cara ás persoas máis pequenas co proxecto "Menudo ForoAcui", que terá lugar o día 17 de novembro. O proxecto está coordinado polo grupo Procesos Oceánicos en Cambio Global do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC.

Menudo ForoAcui

Xornada lúdico-educativa que se celebrará o 17 de novembro no Grove (Pontevedra). Esta xornada coordinada polo grupo Procesos Oceánicos en Cambio Global do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC ofrecerá unha serie de actividades que inclúen charlas, teatro, presentacións audiovisuais e moito máis. O propósito principal do proxecto é contribuír a incrementar as habilidades de cultura oceánica, concienciar aos estudantes sobre a importancia dos recursos mariños, a acuicultura e a saúde dos océanos.

Tras esta xornada inicial, cada unha das clases seleccionadas para participar en Menudo ForoAcui profundará ao longo do curso escolar en áreas específicas de traballo. Estas liñas abarcan desde o marisqueo a pé, o estudo do mexillón, a exploración de recursos mariños e a súa relación co cambio climático, ata a investigación das macroalgas, o valor dos alimentos mariños, os desafíos dos microplásticos e a problemática do lixo mariño, así como o estudo de especies invasoras.

Ao longo do curso, os estudantes recibirán a visitas de investigadores e expertos de institucións colaboradoras vinculadas ao sector. A través de charlas, talleres e saídas de campo, os estudantes mergullaranse en diversas temáticas relacionadas coa acuicultura e os recursos mariños. Ademais, os grupos recibirán orientación e asesoramento para levar a cabo análise e estudos sobre os diferentes temas. Os resultados destas investigacións plasmaranse en pósteres e presentacións audiovisuais, todos elaborados polos propios estudantes.

Ademais de enriquecer a formación dos estudantes, equipos especializados en pedagoxía e didáctica traballarán co profesorado para mellorar as súas habilidades relacionadas coa saúde dos océanos, os recursos mariños e a acuicultura.

O colofón desta emocionante iniciativa celebrarase o 7 de xuño de 2024, coa realización dun congreso especial de Menudo ForoAcui.  Neste evento, os participantes terán a oportunidade de presentar os seus traballos en forma de pósteres e presentacións audiovisuais, ademais de participar en exposicións orais para compartir os seus achados e conclusións.

Menudo ForoAcui non só promove a educación e a conciencia sobre o mundo mariño, senón que tamén fomenta a colaboración e a investigación entre estudantes e expertos, contribuíndo así ao coidado e preservación dos nosos océanos.

More