Escrito por Clara Mendoza, investigadora predoutoral de Bioquímica Marina (colab.: Jaime Amaro Blanco).

[Artigo da iniciativa Lanternas da Ciencia II, producido polo IIM-CSIC e publicado hoxe no Faro de Vigo]

A natureza escríbese con Matemáticas. Recoñecer a beleza detrás das fórmulas, números e ecuacións que caracterizan este eido da ciencia é unha tarefa difícil para moitas e moitos de nós; e máis cando a complexidade vai máis alá dos números e operacións máis comúns.

Na maioría das ocasións, este campo da investigación sae á palestra só cando consegue aplicarse: un novo descubrimento astronómico, un novo modelo ecolóxico... Porén, xa nos anos 50, unha matemática coruñesa buscaba a beleza desta ciencia nos recunchos máis abstractos e afastados da aplicación práctica. Tras a súa loita por desvelar os segredos da Álxebra, esta muller é hoxe considerada un referente a nivel internacional, mais foi esquecida polo seu propio país até hai tan só vinte anos.

María Josefa Wonenburger Planells, nada en Montrove (Oleiros) en 1927, entendía o estudo das matemáticas como unha actividade da mente.

Malia a situación política da época, foi das poucas afortunadas que puido gozar dunha educación completa. Así, cando finalizou os seus estudos de Bacharelato en 1944, quixo comezar a carreira superior en Matemáticas. Esta decisión era pouco habitual na sociedade da ditadura. Aínda que a lei permitía ás mulleres estudar, moitas apartaban esta idea por medo ao rexeitamento social e familiar que enfrontaban por mor dos roles sociais que se lles impuñan. A muller non debía estudar e, de facelo, debían ser carreiras relacionadas cos coidados, como Maxisterio.

A oleiresa tivo o privilexio de poder vencer esta imposición non escrita co apoio da súa familia e, deste xeito,  trasladouse á Universidade Central de Madrid. Nesta etapa na que a maioría esmagadora de persoas que a rodeaban eran homes, María destacou sempre entre os seus compañeiros. Así pois, en 1953, coa Licenciatura en Matemáticas rematada, son os seus propios profesores quen lle aconsellan probar sorte noutro país, para continuar coa súa carreira profesional na investigación.

Co seu consello en mente, María acadou un dos numerosos fitos da súa vida, sendo a primeira muller en conseguir unha Bolsa Fullbright, na primeira convocatoria feita en España. Este feito permitiulle dar o salto ao outro lado do Atlántico, á Universidade de Yale, e completar a súa tese titulada “On the Group of Similitudes and its Projective Group” (1957).

A liña de investigación que comezaba a desenvolver xiraría arredor da Teoría de Grupos, a álxebra de Clifford e, uns anos máis tarde, as álxebras de Lie; conceptos cuxa explicación abranguería todo este xornal e que nos transportarían, cando menos, a aquelas clases de instituto, cheas de matrices e vectores, que moitas e moitos sufríamos para descifrar.

Por desgraza, ser muller, emigrar e doutorarse noutro idioma, semellou non ser abondo para o Estado español quen non recoñecería o seu traballo, en teoría, por estar feito no estranxeiro. Sempre centrada na súa paixón polo estudo, a xa doutora decidiu facer o que mellor sabía e sacou adiante un segundo doutoramento, esta vez no Instituto Matemático Jorge Juan do CSIC. Para sorpresa da científica, o seu traballo volveu ser rexeitado, esta vez “por problemas burocráticos”. María seguía sen ser doutora a ollos do seu país.

A pouca perspectiva de futuro na investigación española non parou a carreira de María e, grazas ao seu prestixio internacional, conseguiu unha bolsa posdoutoral na Queen University do Canadá. Trasladouse despois á Universidade de Toronto onde, sendo a única profesora no Departamento de Matemáticas, dirixiu ao seu primeiro estudante de doutoramento, Robert Moody, quen sorprendeu á investigadora por pedirlle expresamente ser a súa titora, ignorando o feito de ela ser muller e inmigrante.

A tese de Moody foi outro dos intres máis soados da vida da coruñesa. Este traballo introduciu novas álxebras moi relevantes nos anos setenta, dando lugar a avances científicos que continúan a día de hoxe. Ademais, sentaron as bases da Teoría de Kac-Moody, esencial para a mecánica cuántica e da que “María foi nai”, en palabras do propio Moody.

A carreira de María Wonenburger avanzaba imparable, chegando ao posto de catedrática na Universidade de Indiana (EUA) en 1967.

Desafortunadamente,  a súa nai cae enferma e a científica volve á súa terra para coidala. A volta á casa remataba, de súpeto, co seu traballo académico e sumía a súa figura no esquecemento para gran parte da sociedade. Con todo, a súa paixón polas matemáticas seguía latexando.

Non foi ata o 2002 cando dúas mulleres catedráticas da Universidade da Coruña (UDC), María José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar, iniciaron un longo proceso de pescuda para, en 2006, dar luz á figura de María entre o gran público da súa terra. Todo tras asistir a un congreso ao que a nosa protagonista non fora convidada.

Así, comezaron a chegar os recoñecementos nacionais para esta extraordinaria matemática con case 80 anos: Socia de Honra da Real Sociedade de Matemática Española, primeira científica Doutora Honoris Causa pola UDC e protagonista, co seu nome, dos Premios María Wonenburger da Xunta de Galiza.

Vista dende o presente, a vida da dobre doutora é bo exemplo da proba de obstáculos que é traballar en ciencia en España.

Mentres que varias universidades americanas loitaban por tela no seus departamentos, en España non recoñecían o seu traballo. Mentres no continente americano gozaba de postos de calidade, aquí tiña que pasar unha oposición para obter unha praza con peores condicións, menos medios e peor salario. E alén diso, a burocracia e trámites administrativos fixeron imposible que lle homologaran ningún dos dous doutoramentos que conseguiu.

Todos estes problemas continúan hoxe en día. Non son, se cadra, igual de intensos, pero seguen a afogar moitas veces as vocacións e carreiras das mulleres que traballamos en ciencia; a apagar a ilusión de moitas de nós que, día a día, lidamos co abafante reto de querer desenvolver a nosa vida persoal xunto a unha carreira profesional non precaria neste país.

Ser científico é difícil, pero aínda o é máis ser científica. A diminución da presenza feminina conforme subimos na xerarquía académica, o ‘efecto tesoira’, é unha realidade cada vez máis alarmante. De feito, inda no inicio da etapa investigadora, onde tradicionalmente existía un certo equilibrio de xénero, podería estar habendo retrocesos. No CSIC, a porcentaxe de contratadas predoutorais (50,4%) é a máis baixa dos últimos 17 anos, segundo o Informe Mulleres Investigadoras da Comisión de Mulleres e Ciencia (2022).

A tendencia é preocupante. Hai varias razóns que se usan para explicar este fenómeno: a falta de referentes femininos en ciencia, a dificultade para a conciliación familiar, a carga dos coidados imposta tradicionalmente ás mulleres ou, incluso, a lacra do acoso sexual e laboral.

Con todo, se queremos unha ciencia xusta, resiliente e de calidade, a conclusión é clara: precisamos que as mulleres teñan a liberdade de decidir sen restricións, de poder facer ciencia  en igualdade e independentemente do seu xénero. Paliar a fenda existente neste eido é imprescindible para poder reter o talento feminino, conseguir un futuro igualitario e suficientes oportunidades para que as mulleres, como foi María Wonenburger e como somos moitas, podamos aportar o noso máximo potencial á sociedade.

Lanternas

 

More