Únete ao IIM-CSIC | Axudas á Etapa Predoutoral da Xunta de Galicia 2024
O Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo (IIM-CSIC) ofrece 1 tema de investigación para solicitar un contrato pre-doutoral de máximo 4 anos de duración connosco, dentro do programa da Axudas de Apoio á Etapa de Predoutoral da Xunta de Galicia 2024.
A candidata ou candidato deberá ter rematado os seus estudos de acceso ao doutoramento (acreditar o título oficial de mestrado e, no caso da liña ofertada no IIM, ter licenciatura ou grao relacionado con Bioloxía, Biotecnoloxía ou Ciencias do Mar). O grao debeu ser acadado despois do 1 xaneiro de 2020. Así mesmo, deberá estar matriculada/o nun programa oficial de doutoramento dunha universidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para o curso 2023/2024.
No caso da liña ofertada nesta convocatoria polo IIM-CSIC, a nota media mínima esixida é 8.0
O IIM-CSIC é un dos institutos punteiros en investigación mariña de España e ofrece un ambiente ideal para fomentar e consolidar a traxectoria de investigadores en diferentes etapas da súa carreira investigadora. Únete ao Instituto e impulsa a túa investigación con nos!
Por que o IIM?
O Instituto pertence ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas, a maior organización de investigación pública de España, a terceira de Europa e a sétima do mundo. O IIM-CSIC é un dos institutos líderes en investigación mariña en España, cunha actividade diversa e unidades estratéxicas propias de Internacionalización, Transferencia e Cultura Científica. Con sede na cidade de Vigo, ofrecemos unha contorna de investigación dinámica que impulsa a carreira do noso persoal, ampliando as súas redes de colaboración e aumentando o seu impacto real na sociedade.
Un proxecto para impulsar a túa carreira!
O IIM-CSIC, como institución mariña dedicada á procura de coñecemento para o desenvolvemento sostible, realiza unha investigación multidisciplinar, respondendo aos retos globais e ás problemáticas locais, para permitir unha comprensión integral dos ecosistemas mariños.
En canto á convocatoria de Apoio á Etapa Predoutoral da Xunta de Galicia, a seguinte investigadora amosou o seu interese no programa e actualmente está a buscar unha persoa candidata interesada para traballar dentro do seguinte proxecto de tese:
Supervisa: 👩🔬 📩 Camino Gestal
Páxina web do grupo: Patobioloxía Molecular Mariña
O polbo común,Octopus vulgaris, forma parte dunha rama evolucionada de moluscos que presenta características máis desenvolvidas que o resto do seu grupo, o que o converte nun modelo animal invertebrado moi utilizado. Non obstante, o coñecemento do seu sistema inmunitario é limitado.
O polbo tamén é unha especie comercialmente importante e cuxa acuicultura está en desenvolvemento a nivel industrial. Para protexer este importante recurso pesqueiro en Galicia, actualmente sobreexplotado, e abastecer a demanda do mercado, é necesario desenvolver unha acuicultura eficiente e sostible que garanta a saúde e o benestar dos animais. Para iso, unha das prioridades é a prevención e control das enfermidades, así como a mellora da súa capacidade de defensa e resposta inmune fronte a patóxenos e agresións externas.
O proxecto de tese centrarase na identificación e estudo das moléculas efectoras do sistema inmunitario nestes invertebrados. Utilizaranse ferramentas moleculares de secuenciación masiva como transcriptómica de célula única e proteómica Shotgun para a caracterización de células e identificación de xenes e proteínas implicadas na loita contra os patóxenos e na resposta inmune desta especie.
Requisitos: Licenciatura ou grado en Bioloxía, Biotecnoloxía ou Ciencias do Mar. Valorarase formación en xenética e bioloxía molecular. Nota media mínima esixida: 8.
Contacta coa supervisora do tema de investigación, achegando o teu CV e o teu expediente académico, para obter máis detalles do proceso de selección e solicitude antes do 12 de marzo de 2024.
Ten en conta que unha vez que contactes e se te seleccionamos, a supervisora e ti teredes que discutir, escribir e completar unha solicitude conxunta para a Axencia Galega de Innovación - Xunta de Galicia.
Recomendamos que contactes coa supervisora o antes posible! 👩🔬 📩 Camino Gestal