Páxina do programa IIM-CSIC

Mañá, 9 de maio, terá lugar a reunión de seguimento do paquete de traballo PT5 do Programa de Ciencia Mariñas de Galicia (PCCMMG), en formato online. O equipo de coordinación estará composto por Eva Balsa-Canto (IIM-CSIC) e Moncho Gómez Gesteira (UVigo).

Simulador mariño multiescala e transdisciplinar (PT5)

Nesta proposta pretendemos avanzar no desenvolvemento dun simulador multiescala e transdisciplinar, aplicable ó medio mariño e á acuicultura. O simulador será unha ferramenta esencial para integrar datos procedentes de diferentes fontes e xerar o coñecemento, o marco e a evidencia necesarios para abordar os retos ambientais, sociais e económicos: explorar e predicir as consecuencias do cambio global no medio mariño, e apoiar a toma de decisións orientada á xestión de usos e recursos.

O simulador proposto integrará técnicas de intelixencia artificial e modelos ambientais, oceanográficos, ecolóxicos a múltiples escalas e económicos. Permitirá a análise de escenarios e, finalmente, facilitará a toma de decisións que favorezan a sustentabilidade do medio mariño e dos sectores socioeconómicos asociados, a pesca e a acuicultura, para as xeracións futuras.

A programación do simulador require a integración de múltiples datos de calidade e o desenvolvemento de métodos numéricos, teóricos e computacionais ad hoc. Por este motivo, propoñemos un enfoque escalonado, en tres actuacións ou probas de concepto, que permiten unha aproximación realista, e sentan as bases para o futuro simulador mariño multiescala e transdisciplinar.

Actuación 1, centrada no desenvolvemento dun simulador de eventos extremos e os seus efectos.  Mediante técnicas de IA, estableceranse modelos preditivos para detectar patróns meteorolóxicos e hidrodinámicos e estimar a evolución do sistema atmosfera-océano a escalas altas. Ademais, modelaranse os efectos dos fenómenos meteorolóxicos ambientais extremos sobre os ecosistemas mariños. Ó acoplar diferentes modelos de simulación numérica con técnicas de IA, mellorarase a capacidade de reproducir a hidrodinámica das zonas costeiras, o que permitirá prever eventos de baixa salinidade (con gran impacto nos cultivos mariños) ou inundacións de zonas habitadas. Tamén simularemos a mobilización de contaminantes ó medio mariño, incluídos os procedentes de incendios e ambientes urbanos, así como de contaminantes emerxentes. Como caso aplicado consideraremos a Ría de Arousa.

Actuación 2, centrada no desenvolvemento dun modelo ‘end2end’ en pesca. Proponse completar os modelos biofísicos existentes en Galicia con modelos de niveis tróficos superiores e módulos de compoñentes socioeconómicos que permitan o desenvolvemento de modelos ‘end2end’ con aplicacións para a pesca galega. O modelo centrarase en tres especies de especial importancia ecolóxica, económica e cultural para Galicia: a sardiña, a pescada e o polbo. Os modelos obtidos permitirán, mellorar o coñecemento do ecosistema mariño de Galicia e das interaccións coa pesca, e realizar simulacións de escenarios (que pasa se?) para avaliar os impactos dos cambios a escala climática, incluídos os impactos na abundancia das especies comerciais e impactos socio-económicos (en colaboración con PT10).

Actuación 3, centrada no desenvolvemento de dous xemelgos dixitais en acuicultura multitrófica integrada. Nesta actuación abordaremos a formulación de simuladores de dous tipos de cultivo multitóficos: off-shore e IMTA-RAS (un sistema de cultivo en recirculación). As macroalgas estarán presentes en ámbolos dous tipos de cultivos. Definiremos pois, os modelos fisiolóxicos das especies de interese e integrarémolos, no primeiro caso, nun modelo de long-line que terá en conta as condicións hidrodinámicas e ambientais e, no segundo caso, nun sistema RAS. A batea dixital integrará modelos fisiolóxicos de mexillón con modelos oceanográficos. Os simuladores de long-line e batea integraranse nun xemelgo dixital IMTA off-shore que permitirán predicir os efectos dos cambios nas variables ambientais sobre a calidade e produtividade dos cultivos na Ría de Ares, ademais, permitirán a simulación de escenarios de cara á optimización dos cultivos. O xemelgo dixital IMTA RAS que abordará a interacción de peixe-macroalga-probiótico permitirá o deseño racional dos cultivos IMTA-RAS de precisión (en colaboración con PT9).

Os modelos e desenvolvementos de software de cada proba de concepto compartiranse ó público na medida do posible de acordo coas directrices de xestión de datos FAIR.

Programa de Ciencias Mariñas de Galicia

O IIM-CSIC coordina, xunto co CETMAR e a Universidade de Vigo, o novo Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, coa protección e xestión sostible dos servizos dos ecosistemas mariños como o seu principal reto, implicando a máis de 89 grupos de investigación galegos.

Esta nova estratexia actuará a través de tres grandes liñas de actuación: a observación e seguimento do medio mariño e do litoral; acuicultura sostible, intelixente e de precisión, e innovación, coñecemento e oportunidades para adaptarse ao cambio na economía mariña.

Programa financiado polos fondos europeos FEMP/FEMPA e NestGenerationEU, polo Goberno de España - Ministerio de Ciencia e Innovación a través do PRTR e pola Xunta de Galicia.

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia é un dos sete programas de Ciencias Mariñas dos Plans Complementarios de I+D+i coas Comunidades Autónomas, que forman parte do Compoñente 17, Investimento 1 do Plan de Transformación e Recuperación da Resiliencia da UE. As accións do Programa fináncianse unhas a través dos fondos Next Generation EU e outras a través do Fondo Europeo Maritimo de Pesca e Acuicultura (FEMP/FEMPA).

Nesta páxina podes ver máis detalles sobre as accións asociadas ao Programa lideradas polo Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC.

Páxina do programa IIM-CSIC

More