Nas comunicacións que facemos dende o Instituto de Investigacións Mariñas non paramos de remarcar a fin última do noso traballo: o servizo a sociedade.

Todos os días, miles de persoas dedican o seu tempo e esforzo a avanzar no noso coñecemento deste mundo; a descubrir as causas e consecuencias dos fenómenos que acontecen ao noso redor. Sempre seguindo con rigorosidade o método que define a nosa profesión: o método científico.

Con todo, é nos momentos de crise e necesidade cando, se cadra, a visibilidade desta labor diaria e a súa utilidade saen máis á palestra. O Prestige, como foi a pandemia da covid, é un deses intres históricos nos que a ciencia, neste caso a ciencia mariña, reivindica o seu papel.

O IIM do 2002, xunto con outras institucións científicas, estivo moi implicado dende un primeiro momento en aportar o seu coñecemento sobre o funcionamento do medio mariño para a xestión da crise e para a posterior recuperación das costas. Iniciativas que, moitas veces, como recorda o investigador Ricardo Prego, partían do propio voluntarismo da comunidade investigadora.

Neste artigo resumimos, en poucas liñas, todo o traballo que o persoal do IIM realizou como consecuencia daqueles feitos.


O IIM como asesor do goberno

Antonio Figueras

No momento do afundimento, o investigador do grupo de Inmunoloxía e Xenómica, Antonio Figueras Huerta, era o director do IIM-CSIC.

Como relata no artigo que publicamos este pasado luns, foi o día 9 de decembro cando o invitaron a formar parte do Comité Científico Asesor ao goberno; 21 días despois de que o Prestige afundira mar adentro.

Aínda que reticente nun primeiro momento, debido ao enfado provocado tras participar na limpeza das praias nas Cíes, Antonio acabou por aceptar a responsabilidade. A súa calidade de biólogo mariño e director do Instituto facían as súas aportacións moi valiosas.

Participou tamén do Comité o investigador Fiz Fernández Pérez, do grupos de Procesos Oceánicos en Cambio Global. Con todo, o seu papel levouno aínda máis preto do punto cero daquela crise.


Máis de 3000m de viaxe submarina

Submarino Fuel

Como relata o  propio Fiz Fernández nunha recente entrevista no Faro de Vigo, os primeiros días tras a chamada de socorro do Prestige foron caóticas, tamén no eido científico: “houbo realmente un certo caos entre a necesidade de facer algo útil, a tremenda falta de organización para afrontar eventos extremos e a falta de pautas políticas que só pensasen en como desfacerse do problema”.

Unha das primeiras iniciativas do CSIC da época foi pórse en contacto co Ifremer, o instituto francés de ciencias do mar e, en concreto, co grupo que traballara só tres anos antes no afundimento do petroleiro Erika fronte á costa bretoa.

Estas xestións trouxeron ás nosas costas ao buque Atalante, a bordo do cal viña o batiscafo Nautile, cos que se comezaron as tres campañas PRESTINAUT, coa misión de levar as persoas expertas até o pecio, a máis de 3 kilómetros baixo a superficie.

Fiz foi unha das tres persoas que embarcaron nos escasos 2 metros que medía o espazo para a tripulación do Nautile na súa primeira viaxe.

Nas horas que pasaron baixo a auga conseguiron localizar a proa, afundida a 3500m, tomar imaxes do casco, mostras do fuel puro (sen mesturar coa auga, como o que chegaba ás costas), determinar o estado das fugas e, incluso, taponar a primeira das vinte existentes  no buque.

Esta aventura recordábaa, o pasado luns, unha das persoas ás que Fiz lle supervisaría a tese, a investigadora do IIM, Noelia Fajar: "Non sabía que un dos valentes do Nautile sería o meu director de tese".


Auga e o combustible: unha relación complicada

Prego 1

Ademais de inspeccionar o pecio, foi tamén importante determinar que tipo de combustible estaba a chegar a costa, cal era a súa composición e como podía afectar ás augas.

Ricardo Prego e Antonio Cobelo, do grupo de Bioxeoquímica Mariña, foron dos primeiros en ir á Costa da Morte na busca de mostras.

O traballo deste grupo no Prestige permitiu a publicación de preto dunha decena de artigos en revistas SCI, publicacións que chegan até 2013, ademais dunha longa listaxe de comunicacións en congresos (cun 2º premio para unha delas) e publicacións doutros tipos que afondaron nas consecuencias bioxeoquímicas dos vertidos.

Así, foron quen de determinar a mala calidade da carga vertida, asfaltos e antracenos só queimados por algúns barcos como combustible (uso prohibido na Unión Europea polas altas emisións de sulfatos que provocan). Realizaron tamén análises de metais traza, un estudo pouco común neste tipo de accidentes, pero que permitiu determinar a liberación de elemento coma níquel ou vanadio á auga e prever as súas consecuencias.


Recoñecemento oceanográfico da zona cero

Costa

A costa galega e unha das contadas rexións do océano con fenómenos de afloramento nas súas costas. Unha entrada de auga do fondo do mar, favorecida pola auga dos ríos e o vento do nordés, que nutre as nosas rías e provoca a característica baixa temperatura da auga no verán.

Neste sentido, dende o antigo grupo de Oceanografía (hoxe dividido en varios grupos dentro do departamento de Oceanoloxía) realizáronse traballos para determinar como o vertido interactuaría con esta dinámica oceánica tan característica.

Ademais, fixéronse estudos para determinar as características do talude ou cimbra, o gran cantil submarino que marca a fronteira entre a “costa” galega e o “mar aberto” e alén do cal afundiu o petroleiro.


O Prestige na pesca e na acuicultura

Bateas

Unha das primeiras preocupacións da sociedade galega, sobre todo dos sectores produtivos da costa, foi como a vertedura afectaría a biodiversidade e, con ela, ás pesqueiras, caladoiros e polígonos acuícolas.

A xente do mar foi a primeira en saír, con barcos e aparellos, a sacar o fuel do mar. Unido as favorables condicións do vento do nordés, que favoreceron un afloramento anómalo en outubro que mantivo o chapapote afastado dalgunhas rías como a de Arouse, a labor destas persoas evitou unha catástrofe maior.

O IIM tentou dar resposta, tamén, as preocupacións destes sectores. Primeiro, dende o grupo de Procesos Oceánicos en Cambio Global investigouse como o fuel podía afectar ao primeiro elo da cadea alimentaria mariña, o fitoplancto.

Ademais, traballouse arreo dende o departamento de Biotecnoloxía e Acuicultura, para analizar, prever e paliar os efectos do combustible sobre a acuicultura do mexillón.

Como contaba Laura G. Peteiro, que entrou por aqueles anos como investigadora predoutoral no grupo de EsMaba, dirixido por Uxío Labarta e María J. Reiriz, “Os restos de combustible na auga, tiñan efectos no crecemento a longo prazo do mexillón. O grupo fixo un seguimento da semente de diferentes zonas nos anos seguintes, e foi comprobando como esos efectos desaparecian e as poboacións ian recuperando"

No eido da pesca, membros do actual grupo de Ecoloxía e Recursos Mariños, naquela época divido en varios grupos, realizaron tamén as súas contribucións.

Por un lado, dende o antigo grupo de Ecoloxía e Biodiversidade Mariña, participouse en proxectos como o PRESTIPULPO, dirixido polo investigador F. Rocha e no que participou o actual investigador Ángel González entre outras persoas. Nese proxecto estudaron o efecto do vertido na reprodución desta especie de octópodo mariño tan característico.

Tamén se estudou, dende o antigo grupo de Pesquerías, o efecto sobre diferentes especies de interese pesqueiro, como a pescada, a meiga ou a faneca. Os traballos foron dirixidos dende o IEO, con Fran Saborido como coordinador dentro do noso Instituto.


Bacterias, biorremedios e limpeza: eliminar a contaminación

Biorremedios

A biorremediación, o uso de métodos biolóxicos como bacterias para remediar problemas ambientais, foi outro dos eidos nos que o IIM e, en concreto, o grupo de Reciclaxe e Valorización de Materiais Residuais (REVAL) dirixido naqueles intres polo investigador Miguel Anxo Murado, centrou o seu traballo.

Así, investigouse primeiro cal foi o impacto real do fuel na costa galega e, nun segundo momento, o potencial do uso de nutrientes que favoreceran o crecemento de bacterias presentes no medio litoral capaces de degradar o fuel ou de biorremedios que xa incorporaban bacterias degradadoras de hidrocarburos.

O traballo do IIM centrouse, sobre todo, en zonas afectadas do Parque Nacional das Illas Atlánticas. A formulación máis eficiente, derivada deste proceso de biorremediación, foi seleccionada para ser aplicada polo Ministerio co fin de eliminar o chapapote presente no resto da costa galega afectada. Así a todo, a diminución na eficacia da biorremediación co paso do tempo dende o impacto do derrame, levou ao grupo REVAL a traballar, posteriormente, no estudo da aplicación de axentes químicos de limpeza de costas, en condicións eco-toxicolóxicamente seguras, como paso final na maquillaxe ambiental dos roquedos costeiros contaminados.


A limpeza, unha tarefa primordial

Xente limpando Prestige

Tras todo o traballo científico-técnico realizado, hai un punto no que coinciden case todos os científicos e científicas do Instituto: a marea branca voluntaria que cubriu e limpou a costa foi determinante para evitar unha maior catástrofe e para a recuperación da costa.

Combinado moitas veces coas súas tarefas de investigación e coordinación, non sempre centradas no Prestige, foron moitos membros do Instituto os que se uniron as tarefas de limpeza en praias e rochedos.


Que queda do Prestige 20 anos despois?

IIM

Ademais das leccións aprendidas, que foron moitas, hoxe contamos con dúas realidades na ciencia mariña galega que afunden as súas raíces naqueles días: o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia (financiado polos fondos NextGeneration) e, incluso, o noso futuro traslado a unha nova sé en Teis.

E é que, tralo afundimento do buque, quedou patente un problema. Aínda que quixeramos medir o impacto que tivo na costa non contabamos cunha liña base, cun estudo exhaustivo de cales eran as condicións antes do afundimento. Era necesario ter a costa monitorizada en todo momento e contar con datos históricos de cara ao futuro.

Nese mesmo mes de novembro convocouse no instituto a representantes de todas as institucións galegas de investigación mariña. Na xuntanza concluíuse a necesidade de desenvolver mecanismos que facilitasen a recollida e posterior posta en común de datos sobre o estado do océano, a costa e a biodiversidade que neles habitan.

A xuntanza non tivo froitos inmediatos pero, desa filosofía, desa necesidade foron xurdindo colaboracións puntuais que gradualmente fixaron os alicerces do actual Programa Complementario de Ciencias Mariñas de Galicia, posibilitado en 2022 grazas ao financiamento dos fondos NextGeneration.

Nesta mesma liña, xurde tamén a idea do Campus Cinetífico-Tecnolóxico do Mar. A través dunha carta publicada en xuño de 2003, os investigadores Xosé Pintado e Fran Saborido, reclamaban  a necesidade de mellorar as colaboracións entre as institucións de investigacións mariña galegas. Nesta misiva  é onde podemos atopar a semente do proxecto que cristalizaría en 2011 e que, tras varios atrasos, está cada vez máis preto de consolidarse co noso futuro traslado á sé da antiga ETEA.

More