Bolsas TFM | JAE Intro ICUs 2024
O Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC de Vigo (IIM-CSIC) ofrece 8 plans de formación para realizar Traballos de Fin de Máster (TFMs) no marco das Bolsas JAE Intro ICUs 2024.
O obxectivo destas bolsas é iniciarse na carreira investigadora, mediante a realización dunha estancia formativa remunerada durante o curso académico 2024-2025 en centros do CSIC.
Se queres solicitar a túa bolsa, le a ficha da convocatoria e completa o procedemento na Aplicación Convoca.
O prazo de solicitude abre o 1 de setembro. Recomendámosche que, antes de solicitar a bolsa, contactes cos supervisores ou supervisoras da oferta do teu interese.
As bolsas consistirán nunha achega mensual de 800€ e unha dotación adicional para cubrir os gastos de matrícula do Máster (aproximadamente 2.500 euros) por un período de 6 meses (idealmente entre xaneiro e xuño do 2025, agás para a oferta IIM-01). A data exacta de inicio pode variar e convirse co supervisor ou supervisora de cada oferta. O programa contempla unha dedicación máxima semanal de 20 horas.
A persoa candidata deberá ter un Título de Licenciatura ou Grao en materias relevantes a cada un dos proxectos ofertados, estar inscrita nun programa de máster e NON ter iniciado aínda o seu Traballo de Fin de Mestrado (TFM).
Por que o IIM?
O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) é unha opción perfecta para o inicio da túa carreira investigadora. O IIM representa unha das principais institucións de investigación mariña a nivel estatal e forma parte do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), principal organismo de investigación do país, cuarto en Europa e sétimo a nivel mundial.
O instituto ofrece unha contorna de investigación vivo e diverso, ideal para introducirse no mundo da ciencia. Somos un centro comprometido co impacto real na sociedade, creando novas redes de colaboración de forma activa grazas a nosas propias Unidades Estratéxicas de Internacionalización e Transferencia (IACIC) e Cultura Científica (UCC+I).
Traballa connosco e descubre, desde dentro, o mundo da investigación mariña!
Oito plans de formación para iniciarte na investigación
O IIM-CSIC, como institución de investigación mariña dedicada a produción de coñecemento para o desenvolvemento sostible, realiza unha investigación multidisciplinar que responde aos retos globais e ás inquietudes locais: permitindo unha comprensión integral e global dos ecosistemas mariños.
En canto á Convocatoria JAE Intro ICUs 2024, o Instituto oferta os seguintes proxectos de formación. Convídase as persoas solicitantes a poñerse en contacto cos supervisores e supervisoras para obter máis información antes de realizar a solicitude.
Para dúbidas relacionadas coas ofertas do IIM-CSIC tamén podes contactar con jaeintro@iim.csic.es
Supervisan: José Pintado Valverde (pintado@iim.csic.es) e Camino Gestal (cgestal@iim.csic.es)
Grupos de investigación: Ecoloxía e Recursos Mariños (ERM-INMARE) & Patobioloxía Molecular Mariña
Código da oferta: IIM-01
Para esta oferta o periodo ideal de desfrute será entre marzo e outubro de 2025, dada a natureza da investigación.
A acuicultura, incluída a cría de cefalópodos, aumentou nas últimas décadas. As directivas europeas esixen que a cría de cefalópodos cumpra coas mellores prácticas de saúde e benestar. A identificación de enfermidades de cefalópodos, os seus axentes causantes e a optimización dos protocolos de prevención e tratamento son cruciais para mellorar o benestar.
Un problema principal na acuicultura de polbos é a alta mortalidade das paralarvas tras a eclosión. Isto relacionouse, entre outros factores, con microorganismos patóxenos ou oportunistas (por exemplo, Vibrio spp.), asociados coa vibriosis en acuicultura, que causan lesións na pel e infeccións sistémicas letais en adultos e paralarvas. As especies de Vibrio están presentes no alimento vivo (Artemia) utilizado como dieta ou proliferan na auga do mar do tanque.
Os probióticos gañaron importancia na acuicultura pola súa capacidade para mellorar a resistencia a enfermidades e o rendemento do crecemento, garantindo unha produción acuática segura. Porén, é necesario identificar "probióticos asociados ao hóspede" derivados de ambientes acuáticos. Ademais, na cría de polbos, os probióticos aínda non están dispoñibles. As bacterias do clado Roseobacter, como os xéneros Ruegeria e Phaeobacter, demostraron ser efectivas como probióticos en acuicultura. Producen compostos antagonistas como o ácido tropoditiético (eficaz contra Vibrio spp.) e atópanse no microbiota de cefalópodos, incluídos os ovos.
O obxectivo desta proposta é identificar candidatas probióticas para mellorar o benestar e a saúde na acuicultura de polbo, incluíndo: illamento de candidatas de ovos de polbo baseándose en antagonismo in vitro e identificación mediante secuenciación 16S, e realización de probas de antagonismo contra patóxenos do polbo (Vibrio lentus, V. anguillarum, Tenacibaculum maritimum). As bacterias prometedoras avaliaranse in vivo para a avaliación probiótica en paralarvas cultivadas, encapsulando o probiótico na Artemia utilizada para a alimentación ou engadíndoo á auga do mar.
Requisitos:
- Rama de Grao: Ter finalizado o Grao en Bioloxía, Biotecnoloxía ou Ciencias do Mar.
- Nota media de Grao: Acreditar unha nota media igual ou superior a 7 nunha escala de 0-10.
- Máster Universitario Oficial: Estar matriculada no último ano de Máster Universitario e ter os ECTS superados para a realización do TFM.
- Outros méritos: Valorarase ter experiencia en microbioloxía.
Supervisan: Camino Gestal (cgestal@iim.csic.es) e Mónica Carrera (mcarrera@iim.csic.es)
Grupos de investigación: Patobioloxía Molecular Mariña & Química de Produtos Mariños
Código da oferta: IIM-02
O polbo común (Octopus vulgaris) é unha especie de grande interese para o consumo humano, cun grande potencial para a diversificación da acuicultura. Ademais, é un molusco altamente evolucionado que serve como especie modelo para estudos biomédicos. Para protexer este recurso importante e actualmente sobreexplotado, impulsar a bioeconomía mediante un uso máis eficiente dos recursos vivos e satisfacer a forte demanda do mercado, é necesario desenvolver unha acuicultura eficiente e sostible que garanta o benestar animal. Neste sentido, e de acordo coas directivas europeas que esixen que a cría de cefalópodos cumpra coas mellores prácticas de benestar, a prioridade actual na acuicultura de polbos é previr enfermidades e aumentar a súa capacidade para loitar contra patóxenos e agresións externas como estratexia para mellorar a súa saúde e benestar.
Os primeiros estudos de inmunoloxía de invertebrados revelaron unha inmunidade básica limitada a respostas innatas. Con todo, novos estudos destacan a súa capacidade fronte á reexposición a certos agresores externos ou reinfeccións por patóxenos (inmunidade adestrada).
O obxectivo desta proposta é identificar, mediante técnicas mínimamente invasivas, as moléculas responsables da resposta inmune involucradas na loita contra patóxenos e axentes non propios no polbo común e comprender a complexidade desta resposta. Propoñemos utilizar análise proteómica avanzada (LC-MS/MS) integrada con ferramentas bioinformáticas para a identificación de biomarcadores proteicos no plasma e células (hemocitos) da hemolinfa tras a exposición a patóxenos. Este enfoque permitirá establecer novas estratexias prometedoras para mellorar a saúde e o benestar do polbo en condicións de acuario e cultivo.
Requisitos:
- Rama de Grao: Ter finalizado o Grao en Bioloxía, Biotecnoloxía ou Ciencias do Mar.
- Nota media de Grao: Acreditar unha nota media igual ou superior a 7 nunha escala de 0-10.
- Máster Universitario Oficial: Estar matriculado/a no último ano de Máster Universitario e cos ECTS superados para a realización do TFM.
- Outros méritos: Valorarase ter experiencia en microbioloxía.
Supervisan: Fran Saborido Rey (fran@iim.csic.es), María López Acosta (lopezacosta@iim.csic.es) e Marina Parrondo Lombardía (mparrondo@iim.csic.es)
Grupos de investigación: Ecoloxía e Recursos Mariños (ERM-INMARE) & Procesos Oceánicos en Cambio Global
Código da oferta: IIM-03
Os ecosistemas mariños vulnerables (EMV) son moi sensibles a perturbacións como a pesca de arrastre e amosan unha recuperación lenta e ás veces irreversible. Exemplos destes ecosistemas son os montes submarinos, as fontes hidrotermais, os arrecifes de coral de augas frías e as agregacións de esponxas. As agregacións de esponxas desempeñan un papel crucial nos ecosistemas bentónicos, cumprindo funcións como a construción de hábitats e o reciclaxe de nutrientes.
A información detallada sobre a distribución das EMV é esencial para a súa conservación, pero estes hábitats adoitan estar mal descritos. A complexa taxonomía das esponxas, unida á lenta identificación morfolóxica, plantea dificultades para a caracterización deste filo. O presente proxecto propón o emprego de dúas estratexias complementarias de forma paralela: a clasificación morfolóxica e o código de barras molecular "barcoding" co obxectivo de proporcionar un método rápido e sinxelo para a identificación de esponxas provenientes de EMV.
Para iso, traballarase con mostras dos fondos mariños da Flemish Cap, un caladoiro de vital importancia para a flota galega situado en augas internacionais do Atlántico Noroeste.
Requisitos:
- Rama de Grao: Ter finalizado o Grao en Ciencias do Mar, Bioloxía ou Ciencias Ambientais.
- Nota media de Grao: Acreditar unha nota media igual ou superior a 7 nunha escala de 0-10.
- Máster Universitario Oficial: Estar matriculado/a no último ano de Máster Universitario e cos ECTS superados para a realización do TFM.
Supervisan: Fran Saborido Rey (fran@iim.csic.es), Laura Casas Castaño (lauracasas@iim.csic.es), Marina Parrondo Lombardía (mparrondo@iim.csic.es) e David Villegas Ríos (dvillegas@iim.csic.es)
Grupos de investigación: Ecoloxía e Recursos Mariños (ERM-INMARE) & Procesos Oceánicos en Cambio Global
Código da oferta: IIM-04
A raia mosaico (Raja undulata) é unha especie de elasmobranquio que habita as áreas costeiras do leste e noreste do océano Atlántico. Este raxiforme explótase comercialmente a pesar de estar clasificado como "ameazado" pola IUCN. Dado que a comprensión das interaccións tróficas é esencial para realizar unha adecuada avaliación e xestión dos recursos no ámbito da aproximación ecosistémica ás pesqueiras, propoñemos un TFM dirixido a determinar a dieta desta especie.
Analizaranse os contidos estomacais de individuos de ambos sexos seleccionados ao longo do rango de tallas para determinar a estratexia alimentaria de Raja undulata. Empregaranse dúas estratexias en paralelo: unha clasificación das presas utilizando caracteres morfolóxicos e unha caracterización molecular por barcoding para determinar de forma cualitativa e cuantitativa os hábitos predadores da raia mosaico.
Requisitos:
- Rama de Grao: Ter finalizado o Grao en Ciencias do Mar, Bioloxía ou Ciencias Ambientais.
- Nota media de Grao: Acreditar unha nota media igual ou superior a 8 nunha escala de 0-10.
- Máster Universitario Oficial: Estar matriculado/a no último ano de Máster Universitario e cos ECTS superados para a realización do TFM.
Supervisan: José Antonio Padín Álvarez (padin@iim.csic.es), José Manuel Fernández Babarro (jbabarro@iim.csic.es) e Laura García Peteiro (lpeteiro@iim.csic.es)
Grupos de investigación: Procesos Oceánicos en Cambio Global e Ecofisioloxía, Biomarcadores e Xestión Sostible de Bivalvos
Código da oferta: IIM-05
O mexillón é a principal especie de acuicultura mariña en Europa. Sen embargo, o cultivo deste bivalvo amosa unha tendencia decrecente en certas zonas do mundo nas últimas décadas. Este descenso asóciase a factores derivados do cambio climático, como o calentamento global, o afloramento costeiro e a acidificación oceánica, así como a unha menor dispoñibilidade de semente de mexillón na costa rochosa para o inicio do cultivo. A pesar de que a costa de Galicia, principal área de cultivo de mexillón en Europa, non rexistrou un descenso significativo na súa produción, o sector acuícola galego alertou dunha posible diminución da dispoñibilidade de semente. Esta redución podería estar vinculada á variabilidade ambiental e aos cambios na estratexia produtiva do sector.
Proponse unha análise exhaustiva dos informes de recolección de semente de mexillón destinados ás bateas en todas as rías ao longo de 18 anos (2006-2023). Esta análise permitirá estimar a contribución da costa rochosa como fonte de semente para o cultivo nas bateas, a súa variabilidade interanual e a súa trazabilidade desde o litoral. Ademais, avaliarase o impacto das condicións ambientais e a xestión da produción no recrutamento larvario e na dispoñibilidade de semente de mexillón mediante técnicas estatísticas multivariantes.
Requisitos:
- Rama de Grao: Ter finalizado o Grao en Ciencias do Mar ou Bioloxía.
- Nota media de Grao: Acreditar unha nota media igual ou superior a 8 nunha escala de 0-10.
- Máster Universitario Oficial: Estar matriculado/a no último ano de Máster Universitario e cos ECTS superados para a realización do TFM.
- Outros méritos: Valorarase ter coñecementos de programación (Matlab ou R).
Supervisan: Ana Tubío (atubio@iim.csic.es), Rubén Chamorro (ruchaval@iim.csic.es) e Carmen G. Castro (cgcastro@iim.csic.es)
Grupos de investigación: Unidade de Monitorización e Observación do Medio Mariño – UMO, Acuario – SACUIM, e Procesos Oceánicos en Cambio Global
Código da oferta: IIM-06
As marxes costeiras representan entre o 10% e o 50% da produción primaria global, a pesar de ocuparen menos do 10% da superficie oceánica global. As elevadas taxas de produción primaria nestas áreas vense favorecidas polos procesos de remineralización bentónica.
Unha das características distintivas das zonas costeiras é a súa proximidade ao sedimento, sendo a interfase sedimento-agua unha das fronteiras máis activas tanto biolóxica como xeocemicamente na biosfera. Neste contexto, o obxectivo desta oferta é abordar unha caracterización tanto biogeoquímica como biolóxica desta fronteira nas Rías Baixas.
Para iso, propónse implementar un protocolo de mostraxe do sedimento superficial aplicable en diferentes hábitats e de fácil implementación. Este enfoque permitirá analizar a alta heteroxeneidade existente nas Rías Baixas e servirá de apoio a estudos centrados na biodiversidade bentónica.
Requisitos:
- Rama de Grao: Ter finalizado o Grao en Ciencias do Mar.
- Nota media de Grao: Acreditar unha nota media igual ou superior a 8 nunha escala de 0-10.
- Máster Universitario Oficial: Estar matriculado/a no último ano de Máster Universitario e cos ECTS superados para a realización do TFM.
Supervisores: Josep Rotllant (rotllant@iim.csic.es) e Miquel Planas (mplanas@iim.csic.es)
Grupos de investigación: Laboratorio de Biotecnoloxía Acuática & Ecoloxía e Recursos Mariños (ERM-INMARE)
Os hábitats proporcionados polos animais e plantas ás comunidades microbianas son temporais e sofren cambios drásticos cando estes anfitrións morren. Cando os microbios están asociados a anfitrións vivos, teñen acceso privilexiado á materia orgánica do anfitrión falecido, o que pode levar os microbios a adoptar estilos de vida oportunistas e adaptables.
Neste estudo, investigaremos as dinámicas temporais da microbiota do polbo común, rastrexando os cambios na súa comunidade microbiana durante o período de senescencia do polbo, cando as femias morren pouco despois do apareamento. Para comprender este proceso, é necesario entender a diversidade xenética, fisiolóxica, metabólica e, especialmente, ambiental impartida e compartida polos microorganismos que cohabitan.
A diversidade espacial e temporal substancial dos microbiomas animais non só é dinámica senón tamén a miúdo predecible, converténdoos en indicadores potenciais de varios factores intrínsecos e extrínsecos. Por un lado, estes microorganismos inflúen na saúde e predisposición a enfermidades, e por outro, desempeñan un papel esencial no proceso de descomposición.
Por iso, a nosa hipótese é que o período que rodea a morte do anfitrión xoga un papel importante na ecoloxía da microbiota do anfitrión e na evolución tanto do anfitrión como dos seus microorganismos.
Requisitos:
- Rama de Grao: Ter finalizado o Grao en Bioloxía, Biotecnoloxía, Química, Bioquímica, Ciencias do Mar ou Enxeñaría bioinformática ou biomédica.
- Nota media de Grao: Acreditar unha nota media igual ou superior a 7 nunha escala de 0-10.
- Máster Universitario Oficial: Estar matriculado/a no último ano de Máster Universitario e cos ECTS superados para a realización do TFM.
Supervisores: María Saura (msaura@iim.csic.es) e Natalia Petit-Marty (npetit@iim.csic.es)
Grupos/Departamentos: Laboratorio de Biotecnoloxía Acuática & Ecoloxía e Recursos Mariños (ERM-INMARE)
Código da oferta: IIM-08
A pesca do polbo común (Octopus vulgaris) en Galicia é unha actividade esencial para a rexión, tanto económica como culturalmente. Non obstante, nos últimos anos observouse unha preocupante diminución nas capturas, xerando inquietude sobre o estado das poboacións naturais deste molusco.
Para comprender e abordar esta situación, é necesario empregar ferramentas xenómicas para estimar o estado xenético das poboacións de polbo en Galicia. O análise xenómico proporciona información crucial sobre a diversidade xenética, a estrutura poboacional e o estado de conservación. Esta información é fundamental para implementar estratexias de xestión máis efectivas e sostibles, como a conservación de áreas clave e a regulación das prácticas pesqueiras para protexer a diversidade xenética e asegurar a viabilidade a longo prazo destas poboacións.
Ademais, a investigación sobre o impacto do cambio climático en estas poboacións é crucial. O aumento da temperatura da auga e os cambios na química oceánica poden afectar a distribución, o ciclo de vida e a reprodución do polbo común. Neste contexto, os obxectivos do proxecto son: (i) determinar o estado xenético das poboacións galegas de polbo común mediante aproximacións xenómicas para estimar a consanguinidade e o censo efectivo, e (ii) identificar xenes ou rexións xenómicas responsables dunha maior tolerancia ao quentamento global, co obxectivo de establecer prácticas de manexo óptimas para estas poboacións.
Requisitos:
- Rama de Grao: Ter finalizado o Grao en calquera disciplina relacionada coas Ciencias da Vida (incluíndo Bioloxía, Veterinaría, Biotecnoloxía, Física, Matemáticas, Enxeñaría Agronóma, etc.).
- Nota media de Grao: Acreditar unha nota media igual ou superior a 7 nunha escala de 0-10.
- Máster Universitario Oficial: Estar matriculado/a no último ano de Máster Universitario e cos ECTS superados para a realización do TFM.
Se tes interese en solicitar un dos nosos proxectos de formación debes cumprimentar a solicitude unicamente utilizando a Aplicación CONVOCA na Sede Electrónica do CSIC..
Na páxina de JAE Intro ICUs 2024, tamén na Sede electrónica, atoparás máis información e toda a documentación, incluída a convocatoria. Recomendámosche que leas esta documentación con detemento; a información desta páxina é só orientativa.
Prazos e datas
Recomendámosche contactar dende XA coas persoas responsables da oferta do teu interese, e sempre antes de realizar a túa solicitude. Ten en conta que agosto e setembro son épocas típicas de vacacións, polo que pode haber certo atraso na resposta por parte das persoas responsables da oferta.
O prazo presentación de solicitudes para as ofertas do IIM-CSIC é do 1 ao 30 de setembro de 2024.
Documentación a ter a man
Ten en conta que a aplicación che solicitará a seguinte documentación en formato pdf:
▪ Documento de Identidade vixente.
▪ Grao: Certificación académica persoal ou Expediente académico. No caso de estudos cursados en sistemas universitarios estranxeiros, o documento xerado por Ministerio de Educación e Formación Profesional (MEFP) co cálculo da equivalencia das cualificacións.
▪ Mestrado: matrícula do Máster Universitario oficial.
▪ Currículo xunto á documentación que acredite os méritos presentados. Deberás unir o CV e os documentos acreditativos dos méritos nun único PDF antes de presentalo.
▪ Declaración responsable segundo impreso:
- De non ser persoa beneficiaria dunha bolsa do programa JAE, en calquera das súas modalidades.
- De non estar en posesión ou disposición legal de obter o título de Doutor/a.
- De que a persoa solicitante cumpre cos requisitos establecidos no art.6 da convocatoria.
Dúbidas?
Antes de consultar as túas dúbidas, recomendámosche que consultes a información dispoñible na Sede Electrónica del CSIC.
En concreto, non deixes de consultar:
- A Guía para a Presentación de Solicitudes
- Ficha resumen da convocatoria
- Infoday convocatoria JAE Intro ICU
Se segues con dúbidas, contacta connosco:
- Para dúbidas relacionadas coa plataforma, o proceso xeral de solicitude ou as condicións da convocatoria, contacta coa Organización Central do CSIC, Dpeartamento de Posgrao, en JAE Intro no CSIC.
- Para dúbidas sobre a temática, os prazos ou as datas das ofertas do IIM-CSIC (as presentes nesta páxina) contacta co Instituto de Investigacións Mariñas no correo de JAE Intro no IIM-CSIC ou coas persoas supervisoras de cada oferta.