Saltar al contenido
Portada » Noticias » Novedades » Aida Fernández Ríos, un referente feminino para a ciencia.

Aida Fernández Ríos, un referente feminino para a ciencia.

A visibilidade das mulleres que abriron camiño na ciencia é fundamental para construír unha sociedade máis igualitaria e para que as novas xeracións de nenas e mulleres poidan atopar referentes nos que recoñecerse. Recoñecer as súas traxectorias, darlles o lugar que merecen na historia e manter viva a súa memoria é tamén unha forma de avanzar. Aida Fernández Ríos representa un deses referentes imprescindibles.

Elixida Científica Galega do Ano 2026 pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Aida foi unha pioneira da investigación mariña e a primeira muller en dirixir o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC. A súa carreira, dedicada ao estudo dos océanos, levouna a participar en máis de trinta campañas oceanográficas e a contribuír ao coñecemento dos ecosistemas mariños, alertando tamén sobre desafíos como a acidificación dos océanos. Pero o seu legado vai máis alá das súas achegas científicas: representa o exemplo dunha muller que desenvolveu a súa carreira nunha época na que a presenza feminina na investigación era aínda moi reducida e que abriu camiño para as que viñeron despois.

Neste contexto, o Concello de Santiago de Compostela, o pasado 9 de outubro, impulsou unha iniciativa de recoñecemento á súa figura coa instalación dunha placa conmemorativa no Parque das Ciencias Padre Sarmiento, dedicada á nosa compañeira como pioneira da investigación mariña e referente para as mulleres na ciencia.

Photo 2026 10 09 15 21 27
Photo 2026 10 09 15 21 22

A esta iniciativa súmase o Concello de Vigo, que o pasado 5 de novembro, a través da súa Concellería de Igualdade e en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias e o IIM-CSIC, celebrou un acto de homenaxe a Aida na Alameda de Bouzas. A cidade conta xa cunha placa conmemorativa instalada nun dos bancos desta alameda, nun espazo fronte ao mar que ten un significado moi especial: un lugar desde o que lembrar a unha científica que dedicou a súa vida ao estudo dos océanos.

Photo 2026 11 06 21 16 20
Photo 2026 11 06 21 16 21

O acto contou coa participación de Beatriz Novoa, directora do IIM-CSIC; Alicia Estévez, vicepresidenta da RAGC; e Abel Caballero, alcalde de Vigo. A homenaxe estivo acompañada pola interpretación de dúas pezas musicais a cargo dun dúo da Orquestra Clásica de Vigo.

Durante o encontro, o alcalde anunciou tamén que a cidade dedicará proximamente unha rúa á memoria de Aida Fernández Ríos.

 Ira4073
Photo 2026 11 06 21 16 22
Photo 2026 11 06 21 16 25
Photo 2026 11 06 21 16 25 (2)

Desde o IIM-CSIC queremos expresar o noso agradecemento ao Concello de Vigo e á Real Academia Galega de Ciencias por promover e facer posible este recoñecemento, que se suma á iniciativa do Concello de Santiago de Compostela.

Ambas homenaxes contribúen a achegar a súa figura á cidadanía e a manter presente a súa contribución nos espazos públicos das cidades coas que mantivo unha estreita vinculación.

Photo 2026 10 09 15 21 30
Photo 2026 11 06 21 37 30

Aida Fernández Ríos é parte da historia do noso Instituto de Investigacións Mariñas e da historia das mulleres na ciencia, desde Vigo para o mundo. O seu legado científico e humano merece ser lembrado e recoñecido, non só polas achegas que realizou ao coñecemento dos océanos, senón tamén polo camiño que abriu para tantas outras mulleres.

Desde o IIM-CSIC sentimos un profundo orgullo de que a súa memoria teña un lugar destacado nas cidades e na sociedade, e de que o seu exemplo siga inspirando ás novas xeracións de investigadoras.

Image
Image