Unidade de prevención, seguridade e ética
O traballo científico e técnico que se leva a cabo en calquera centro de investigación ten implicacións que van máis aló do campo estritamente científico-técnico.
As consideracións éticas e técnicas que garanten unha ciencia segura, moral e diversa son imprescindibles para obter o impacto desexado na sociedade e desenvolver unha ciencia cada vez mellor.
A nosa Unidade de Prevención, Seguridade e Ética (UPSE) encárgase do asesoramento, vixilancia e supervisión das actividades levadas a cabo no IIM, así como do seu seguimento para asegurar un ambiente de traballo seguro e en consonancia cos requisitos de benestar animal, bioseguridade e Investigación e Innovación Responsables (RRI, polas súas siglas en inglés). Para acadar o seu cometido, a UPSE elabora protocolos e avalía as solicitudes que recibe por parte do persoal do IIM.
A UPSE engloba cinco comités que vixían e regulan o correcto funcionamento do instituto en diferentes eidos: o Comité de Bioseguridade (CB), o Comité de Ética e Integridade Científica (CEIC), o Comité de Experimentación e Benestar Animal (OEBA), o Comité de Igualdade e Diversidade (CID) e, por último, o Comité de Prevención e Riscos Laborais (PRL).