Misión e estratexia
O IIM ten como obxectivo evolucionar como un centro de investigación multidisciplinario que responde aos retos da sociedade grazas á información que obtemos do mar, coa vista posta nos retos mundiais definidos polos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, pero tendo sempre presentes as nosas raíces nas comunidades locais que nos arrodean e nas súas necesidades, expectativas e coñecementos.
Os valores do IIM son conceptos abstractos e transversais que o Instituto aplica en todas as súas accións, relacións e comunicacións coa sociedade á que pertence. Hai sete valores que están sempre presentes e que determinan o noso traballo:
Tentamos ter un impacto positivo e un recoñecemento como axentes do cambio aplicando diversas estratexias adaptadas aos distintos contextos nos que traballamos.
A xestión sostible dos recursos e ecosistemas mariños é a base do IIM. Polo tanto, sempre temos en conta o respecto polo medio ambiente, a ética científica e o benestar animal á hora de levar a cabo as nosas accións.
O método científico garante a obxectividade do noso progreso. Neste sentido, a nosa ciencia é imparcial e comprométese a non se ver afectada por intereses persoais, económicos nin ideolóxicos.
Posto que formamos parte do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o noso centro pertence á sociedade, ante quen respondemos e a quen lle ofrecemos os nosos servizos. A nosa ciencia ten vocación de servizo público.
Temos un compromiso coa Ciencia Aberta. A nosa actividade guíase polos principios FAIR, que garanten unha meirande accesibilidade e transparencia dos resultados e unha meirande eficiencia do noso uso de recursos.
Fomentamos a ciencia en tanto que outra forma de cultura, seguindo os conceptos de Cultura oceánica da UNESCO. Trala publicación do noso traballo, os resultados deben darse a coñecer tanto dentro como fóra da comunidade científica.
A transversalidade defínenos. Loitamos contra os estereotipos, privilexios e discriminación que lastran carreiras e vocacións científicas e que constrúen muros que nos separan da sociedade.