Sociedade
A ciencia non está completa ata que se comparte coa sociedade. En tanto que institución pública de investigación, o IIM entende que o seu compromiso é coa sociedade e promove unha relación mutua coa comunidade que o rodea, escoitando as súas necesidades e achegando solucións mediante a divulgación do método científico e do coñecemento que xeramos de xeito que sexa comprensible para todos os públicos.
Dende os nosos recursos educativos e actividades de portas abertas que promoven a Cultura oceánica da UNESCO ata as nosas iniciativas emerxentes no propio eido dos estudos sobre ciencia e sociedade. Dende as políticas de ciencia aberta ata os comités para unha ciencia inclusiva e máis diversa. Así é como estamos a traballar hoxe para construírmos o Instituto de Investigacións Mariñas do futuro.
Unha institución que acurta a distancia entre a ciencia e a sociedade en xeral e que amosa que podemos avanzar mellor e máis rápido se o facemos en conxunto.
O IIM-CSIC traballa para unha ciencia mariña que se comprometa coa sociedade, promovendo a cultura oceánica a nivel tanto local como global.
A ciencia debe ser transparente. En colaboración co noso equipo de Biblioteca e Documentación, fomentamos unha política de Ciencia Aberta que promove uns resultados científicos máis accesibles para todo o mundo, abrindo unha porta á innovación tecnolóxica, a vínculos máis fortes co persoal investigador doutros centros e a solucións útiles a retos sociais.