Visita o IIM
Para concertares unha visita ou se tes algunha pregunta, ponte en contacto co enderezo cultura.iim@iim.csic.es.
Ten en conta que xa temos a axenda completa para o ano 2022.
Como visitar o IIM?
Retomamos as visitas ao IIM-CSIC!
Porén, debido á interrupción por causa da pandemia, temos lista de agarda agora mesmo. Non dubides en pórte en contacto para nos preguntares sobre posibles oportunidades ou se desexas reservar a túa quenda para 2023.
Ao longo de varios anos, o IIM-CSIC abriu as súas portas a calquera grupo ou institución que se interesase por coñecer mellor o que facemos dende dentro. Interésache saber que aspecto ten un centro de investigación por dentro? Como é a xente que traballa aquí?
As visitas fan un percorrido completo no noso centro, guiadas polo persoal da nosa Unidade de Cultura Científica, e adoitan facerse en galego ou en castelán (aínda que podes comentárnolo se desexas facelas nalgún outro idioma).
Durante o percorrido, levaremos o grupo visitante por todas as áreas do Instituto, incluídos os laboratorios, onde membros do noso persoal científico-técnico explicarán de primeira man os últimos temas nos que andan a traballar, falarán de como é o seu día a día no traballo en CTEM e responderán todas as preguntas que poidan.
As nosas visitas en persoa son perfectas para institutos e centros educativos de nivel superior que busquen novos xeitos de achegar ao seu alumnado á ciencia da sostibilidade e que queiran promover as carreiras en CTEM entre as futuras xeracións da ciencia.
Aínda que tradicionalmente a meirande parte das nosas visitas compóñenas estudantes de distintos niveis educativos, o noso centro está aberto (e xa ten organizado) visitas para outros tipos de grupos e institucións, como grupos de persoal da industria alimentaria ou asociacións veciñais con interese no noso traballo.
Ou ben... fai que o IIM vos visite!
Unha forma alternativa de vos achegardes ao noso traballo é organizardes unha visita á vosa institución por parte dun membro do noso persoal científico-técnico. Se che interesa esta posibilidade, escríbenos ó enderezo cultura.iim@iim.csic.es.
Versión en galego. Antes da túa visita, todas as persoas visitantes deberán cubrir este formulario, indicando se autorizan ou non autorizan o IIM-CSIC a tirar e usar fotos e vídeos coa súa imaxe. Se alguén non concede a súa autorización, pregamos se nos comunicar antes de comezar a visita.

Versión en castellano. Antes de tu visita, todas las personas visitantes deberán cubrir este formulario, indicando si autorizan o no autorizan al IIM-CSIC a sacar y usar fotos y vídeos con su imagen. Si alguien no concede su autorización, rogamos que se nos comunique antes de comenzar la visita.
