Ecoloxía e biodiversidade mariña
A nosa misión é comprender o papel da biota no funcionamento dos ecosistemas mariños, nun contexto de cambio global e saúde compartida.
O grupo de Ecoloxía e Biodiversidade Mariña (Ecobiomar) estuda a diversidade biolóxica dos ecosistemas mariños, centrando as súas liñas de investigación no estudo das especies enxeñeiras (zooplancto), emblemáticas (cefalópodos) e patóxenas (parasitos), así como naquela biodiversidade ambiental críptica que xoga un papel importante na estabilidade do ecosistema.
Neste marco conceptual, Ecobiomar traballa en varios paradigmas da investigación mariña actual, como a dinámica do acoplamento oceanografía-biota nun contexto de cambio climático, as interaccións entre a fenoloxía e o comportamento das especies, a significancia das relacións simbióticas na xestión do recurso e a relevancia do enfoque “One Health” na xestión da saúde como elemento transversal en todas as políticas da UE.
En definitiva, Ecobiomar traballa para vixiar e garantir a sustentabilidade e a saúde dos ecosistemas mariños e os seus servizos. Para iso, desenvolve un enfoque transversal e multidisciplinar que se apoia na Ecoloxía como base do coñecemento científico, que vai dende a observación submarina na natureza ata as tecnoloxías -ómicas no laboratorio. Deste xeito, desenvolve un programa de investigación aliñado cos retos científicos e sociais a nivel académico, institucional e de políticas públicas.