Innovación
Acadar o desenvolvemento sostible dos sectores industriais e económicos vencellados ao océano é unha prioridade a nivel europeo, tal e como describe o Informe anual sobre a economía azul da Comisión Europea.
Aínda que a nosa propia investigación achega novos coñecementos sobre os nosos mares e costas, no Instituto de Investigacións Mariñas comprometémonos a ir un paso máis aló, xerando novas colaboracións co sector e con outras actividades económicas, sexan sectores ben establecidos como a pesca e a acuicultura ou sectores emerxentes, como a observación oceánica.
Mediante a transferencia do noso coñecemento e experiencia, o asesoramento e a creación de novas tecnoloxías e ferramentas, aumentamos o impacto do noso traballo e proporcionamos solucións para garantir un futuro sostible para a economía e, polo tanto, para a sociedade en xeral.
O océano é un sistema complexo e cambiante. Modelar e predicir a súa evolución require dunha ampla experiencia e de grandes avances tecnolóxicos. Á súa vez, estas capacidades permiten ao noso Instituto asesorar os sectores industriais e a quen formulan as políticas de xestión para garantir que os usos sociais, económicos e ambientais do océano se acadan de forma eficiente, segura e sostible.
A explotación dos recursos mariños vivos é un sector ben establecido que resulta estratéxico para a economía azul na Unión Europea, especialmente en Galicia. No IIM, proporcionamos novos enfoques e ferramentas innovadoras aos sectores pesqueiro e acuícola para conseguir unha explotación máis rendible, sostible e que cumpra coas políticas da UE ao tempo que achegamos solucións para mellorar a gobernación das partes interesadas relacionadas.
Existe unha crecente demanda por parte do consumo cara a unha industria circular e innovadora que aproveite as tecnoloxías actuais para subministrar novos produtos ao mercado ao mesmo tempo que fai un uso o máis eficiente posible dos nosos xa limitados recursos. O carácter interdisciplinario do IIM-CSIC permítenos colaborar con diferentes sectores na aplicación de innovacións biotecnolóxicas e na optimización de bioprocesos para acadar unha meirande seguridade e calidade dos alimentos e mellorar a saúde humana.