Organización
Unha organización clara e ben planificada é chave para entender a función e estratexia dunha institución.
Os distintos departamentos e postos que compoñen o IIM-CSIC reflicten a diversidade do centro, así como o esforzo de planificación levado a cabo para cumprir cos seus obxectivos ao tempo que se minimiza o gasto de recursos.
O Instituto é un centro de investigación que pertence á Axencia Estatal Consello Superior de Investigacións Científicas (Centro Propio do CSIC), unha institución pública de investigación que depende da Administración Xeral do Estado. Como tal, aínda que o Instituto non é unha entidade independente dende o punto de vista legal, funciona con total autonomía científica e xestiónase segundo un sistema descentralizado e responsable.
A organización do Instituto de Investigacións Mariñas atópase actualmente modificando a súa estrutura para a axustar totalmente ao regulamento aprobado dentro da Norma reguladora de novembro de 2021 polo Consello Reitor do CSIC.
O órgano superior de goberno do centro é o Equipo Directivo, o brazo executivo do Instituto xunto coa Xunta, constituída polo propio Equipo Directivo, Representantes do Persoal e as persoas a cargo das Xefaturas dos catro Departamentos de Investigación e da Xerencia do Instituto. Esta última está a cargo de coordinar os procedementos administrativos do Instituto, así como a súa sustentabilidade económica e o seu patrimonio.
A actividade científica do IIM-CSIC organízase corporativamente en 14 grupos de investigación agrupados en catro departamentos de investigación. O Claustro Científico encárgase de deliberar sobre os asuntos científicos do centro e está composto por todos os membros do persoal do instituto que contan cun doutoramento. Por último, as Unidades Estratéxicas (IACIC, UCC, UPSE e UACT) xestionan os recursos, ofrecen asesoramento estratéxico e desenvolven proxectos transversais necesarios para que o IIM acade os seus obxectivos.
O xeito máis visual de entender como se organiza o Instituto de Investigacións Mariñas é botar unha ollada ao noso esquema organizativo. Actualizado por última vez en xaneiro de 2022. Á espera de actualización polo novo equipo directivo en setembro de 2024.
O órgano superior de goberno do centro é o Equipo Directivo, conformado pola Dirección e as Vicedireccións. Encárgase de desenvolver a estratexia do centro e garantir que se cumpren os seus obxectivos. Coordina directamente a actuación da nosa Unidade de Internacionalización e Transferencia (IACIC) e da nosa Unidade de Cultura Científica (UCC+i).
A Xunta proporciona un foro no que as Xefaturas dos distintos Departamentos e as persoas que exercen de Representantes do Persoal debaten co Equipo Directivo sobre temas chave. As persoas que exercen de Representantes son a voz do persoal do Instituto de Investigacións Mariñas ante o Equipo Directivo.
A investigación e a innovación constitúen o núcleo do Instituto de Investigacións Mariñas. Aínda que a nosa investigación se organiza arredor dos nosos tres Programas Transversais de Investigación e Innovación (Transversal Research and Innovation Programs; TRIP), os nosos grupos de investigación organízanse administrativamente en catro departamentos de investigación.
Sería imposible cumprirmos co noso traballo en investigación e innovación e co noso compromiso coa sociedade sen a axuda de profesionais que garantan o correcto mantemento e coidado da nosa documentación, as nosas tecnoloxías da información, os nosos acuarios, o noso equipamento e as nosas instalacións. Esta é a tarefa dos nosos Servizos Xerais.