SEMAIM: Microscopia óptica e análise de imaxe
A microscopia óptica é unha técnica fundamental para o estudo da bioloxía celular e molecular, xa que permite observar a morfoloxía celular, a estrutura dos tecidos, a localización de certas moléculas e o desenvolvemento de procesos biolóxicos cun efecto mínimo sobre as características estruturais das mostras.
O servizo de Microscopia Óptica e Análise de Imaxe (SEMAIM) do IIM ofrece apoio técnico e formación en técnicas de microscopia a quen utiliza os seus servizos. Ademais, leva a cabo a adquisición e o procesamento de imaxes obtidas mediante este ou outros equipos.
Obxectivos e tarefas
O servizo leva a cabo as seguintes tarefas:
- Mantemento xeral do equipamento de microscopia óptica (limpeza, revisións periódicas, axustes básicos, etc.).
- Formación, apoio técnico e asesoramento ás persoas usuarias que o solicitan.
- Adquisición e procesamento de imaxes.
- Análise de imaxes, tanto capturadas co microscopio como con calquera outro dispositivo.
- Dependendo da demanda e da dispoñibilidade de tempo, o servizo pode colaborar na xeración de figuras baseadas en imaxes para ilustrar artigos científicos e presentacións en congresos.