SÍGUEO POR STREAMING 

(enlace dispoñible no día da transmisión)

Os “Encontros Espresso" son un formato de charlas que se veñen realizando no IIM-CSIC co obxectivo de coñecernos mellor entre nós,coñecer mellor a actividade que se realiza no noso centro e explorar o mundo da ciencia mariña, fomentando a discusión científico-técnica e reforzando vínculos entre grupos onde pode participar tanto o persoal investigador como técnico para compartir o seu traballo, experiencias e resultados.

Son eventos pensados especialmente para o noso persoal, pero todo o mundo está convidado a unirse a través da nosa emisión por streaming.

Este novo formato celebrarase mensualmente, ás 10:00 horas no Salón de Actos do  IIM-CSIC irán acompañados  con café de cortesía ("Espresso") para favorecer o bo fluír da comunicación.

Desta vez encontrámonos coa noso compañeiro, Daniel Costas Imbernón

Benestar animal e domesticación do polbo común: un enfoque metaxenómico

Nos últimos anos propúxose o polbo común como candidato potencial para a diversificación da acuicultura. O crecente interese no cultivo desta especie puxo de manifesto a necesidade do desenvolvemento e a implementación de boas prácticas de produción que sexan compatibles co benestar animal. A avaliación do benestar a miúdo realízase mediante indicadores que son susceptibles de nesgos ao depender da interpretación subxectiva da persoa que os está a avaliar, o que subliña a necesidade de buscar novos biomarcadores cuantificables e obxectivos que permitan unha avaliación máis precisa e eficaz. Neste contexto, traballos recentes sinalaron o papel do microbioma asociado aos animais de produción como un biomarcador indicativo das condicións de benestar e saúde. Neste seminario presentarase un estudo no que se utilizou un enfoque metaxenómico para caracterizar, por primeira vez, as comunidades microbianas asociadas ao mucus da pel de polbos adultos tanto de vida salvaxe como domesticados. O obxectivo da nosa investigación é determinar se as condicións de cultivo alteran o microbioma e, en consecuencia, o benestar destes animais. Os resultados obtidos permitirán coñecer a composición da microbiota principal presente na pel desta especie e a súa potencial aplicación como biomarcador de benestar animal.

Daniel Costas Imbernón

Daniel Costas é licenciado en Bioloxía pola USC e Máster en Xenómica e Xenética pola UVIGO.  Actualmente desenvolve a súa tese doutoral no Laboratorio de Biotecnoloxía Acuática, centrando os seus estudos na aplicación de tecnoloxías ómicas e a bioinformática na acuicultura, baixo a supervisión dos investigadores Maria Saura e Pep Rotllant.

More