Santiago de Compostela, martes 17 de xaneiro de 2023. Hoxe prodúcese unha substitución á fronte da Delegación Institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia: Carmen González Sotelo, do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) substitúe a Javier Rey Campos, da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), quen cesa a petición propia tras desempeñar o cargo desde setembro de 2021.

A nova delegada institucional exercerá, no eido territorial da comunidade autónoma, funcións de coordinación e representación ante outras institucións públicas e privadas e #ante outros axentes de I+D+i con presenza no territorio, de dirección e xestión e de apoio á actividade de investigación, transferencia do coñecemento e a innovación, formación, difusión e promoción da cultura científica.

Carmen González Sotelo (Caracas, Venezuela, 1961)

Carmen González Sotelo é licenciada pola Universidade de Navarra (1984) e doutora (1991) en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Realizou estancias de investigación no estranxeiro (Brandeis University –EE.UU.; Torry Research Station –Reino Unido- ou University of Texas Branch –EE.UU…), e gañou unha praza de científica titular do CSIC no ano 1998, a través da que comezou a traballar no IIM, dentro do grupo de Bioquímica dos Alimentos. En 2005 promocionou dentro da escala de persoal científico do CSIC a investigadora científica e en 2022 a profesora de investigación (pendente de nomeamento no Boletín Oficial do Estado).

Entre as súas liñas de investigación figuran o desenvolvemento de métodos de análises que permitan garantir a rastrexabilidade e a correcta etiquetaxe de produtos da pesca e acuicultura, a valorización de subproductos de pesca e acuicultura, e en concreto o estudo do potencial do coláxeno e os hidrolizados de coláxeno proveniente de residuos de pel en aplicacións biomédicas e cosméticas.

Autora de máis de 100 artigos de investigación publicados en revistas de alto impacto incluídas na base de datos Science citation index (SCI) e de tres patentes para a identificación de especies en conservas de produtos mariños. Participou en máis 15 proxectos de investigación de ámbito nacional e autonómico e en 11 proxectos da Unión Europea, sendo a investigadora principal de preto de 19 proxectos, entre os que figuran “UE DNAIS” e “LABELFISH”, dos que foi coordinadora.

Na actualidade, coordina “SEATRACES”, financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico, no que participan 10 socios de 5 países europeos, e o proxecto do Plan Estatal “SEAFOOD-IDE”. En ambos se está traballando en metodoloxías que permitan a verificación da orixe xeográfica dos produtos da pesca e acuicultura, así como outros aspectos relacionado coa información que de maneira obrigatoria debe figurar nestes alimentos.

No ámbito da xestión, foi directora (2011-2015) do IIM, instituto do que tamén foi vicedirectora por varios anos.

A Delegación do CSIC en Galicia

O CSIC contou case desde os seus inicios con Delegacións Institucionais nos diferentes territorios. En 1943 creáronse as de Galicia e Navarra e en 1985 estableceuse en Santiago de Compostela a sede da Delegación do CSIC na comunidade autónoma.

Á fronte de cada Delegación do CSIC hai un delegado institucional, funcionario de carreira dalgunha das escalas científicas –profesor de investigación, investigador científico, científico titular– de Organismos Públicos de Investigación. Noméao a Presidencia do CSIC e pode compatibilizar dita función co posto científico que viñese desempeñando ata o nomeamento.

Ata a data, houbo sete delegados institucionais en Galicia: José Manuel Gallardo Abuín (1985-1992), Mª Cruz Mato Iglesias (1992-2002), Amando Ordás Pérez (2002-2006), Uxío Labarta Fernández (2006-2012), Eduardo Pardo de Guevara e Valdés (2012-2019), Antonio De Ron Pedreira (2019-2021) e Javier Rey Campos (2021-2023).

More