SÍGUEO POR STREAMING 

(enlace dispoñible no día da transmisión)

Os “Encontros Espresso" son un formato de charlas que se veñen realizando no IIM-CSIC co obxectivo de coñecernos mellor entre nós,coñecer mellor a actividade que se realiza no noso centro e explorar o mundo da ciencia mariña, fomentando a discusión científico-técnica e reforzando vínculos entre grupos onde pode participar tanto o persoal investigador como técnico para compartir o seu traballo, experiencias e resultados.

Son eventos pensados especialmente para o noso persoal, pero todo o mundo está convidado a unirse a través da nosa emisión por streaming.

Este novo formato comezará ás 10:00 horas no Salón de Actos do  IIM-CSIC, e irán acompañados con café de cortesía ("Espresso") para favorecer o bo fluír da comunicación.

Desta vez encontrámonos coa nosa compañeira, Isabel Fuentes, doutora en Estatística e Investigación Operativa do Laboratorio de Bioxeoquímica Orgánica (IIM-CSIC).

O papel da estatística na investigación mariña

O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC)  é un centro multidisciplinar onde se estudan  dende as característica físico-químicas do océano  ata os alimentos que nos proporciona, prestando especial atención ó impacto da actividade humana nos océanos no actual contexto de cambio climático.

Dende o punto de vista da estatística, traballar nun centro como o IIM implica tratar con distintos tipos de datos, tanto polo seu tamaño como pola súa “forma”.  Por unha parte, movémonos entre grandes bases de datos de alta resolución (Big Data) e pequenos conxuntos de datos experimentais.  Por outra parte,  temos variables numéricas, categóricas, datos circulares, datos funcionais, datos composicionais, datos espacio-temporais, procesos puntuais, etc. O rol da estatística neste complexo ecosistema é desenvolver ferramentas de análise e inferencia adaptadas a cada tipo de dato. Nesta charla presentaranse algúns avances recentes en inferencia estatística para datos complexos que poden contribuír a extraer toda a información posible de datos que, na maioría dos casos, son moi difíciles de conseguir e que son fundamentais para seguir avanzando nos distintos ámbitos da investigación mariña.

Isabel Fuentes Santos

Doutora en Estatística e Investigación Operativa pola Universidade de Santiago de Compostela desde febreiro de 2016. A súa  principal liña de investigación é a inferencia non paramétrica no marco dos procesos puntuais espaciais. Esta investigación realizase en colaboración co grupo Modestya da USC no marco de proxectos da Axencia Estatal de Investigación.

Forma parte do Instituto de Investigacións Mariñas desde 2010 como membro dos grupos ESMABA e do Laboratorio de Bioxeoquímica Orgánica. As súas principais función son a análise estatística de datos oceanográficos e de acuicultura de mexillón, desenvolvemento de modelos estatísticos, aplicación de novas técnicas de inferencia á investigación mariña e soporte estatístico aos compañeiros do grupo. En particular, participou en proxectos europeos centrados na investigación do impacto do cambio climático na acuicultura (ClimeFISH), e na avaliación e fomento dos servizos ecosistémicos da acuicultura do baixo nivel trófico como a acuicultura de mexillón en Galicia (Aquavitae). Actualmente é parte do PT5 do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia.

More