O CSIC inicia seis proxectos en Galicia no marco do Programa Pleamar
Dende o IIM, entre outros temas, probaránse e implementaránse solucións específicas baseadas na natureza que contribúan á restauración dos ecosistemas portuarios e integraránse directamente os efectos das variacións ambientais no estado fisiolóxico dos animais en acuicultura. Ademáis, o IEO da Coruña participará na avaliación da mortalidade accidental de aves mariñas en artes de pesca na Demarcación Mariña do Atlántico Norte.
En total, o financiamento dos proxectos rolda os 2 millóns de euros.
Santiago de Compostela, mércores 18 de setembro de 2024. O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) inicia seis novas investigacións en Galicia financiadas pola Convocatoria para o fomento da economía azul e o fomento da sustentabilidade da pesca e da acuicultura, no marco do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca y de Acuicultura (FEMPA) en 2023.
As investigacións están a iniciarse e terán unha duración máxima de 18 meses. Desenvólvense coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, e cofinánciase pola Unión Europea polo FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura).
O obxectivo xeral da convocatoria é apoiar proxectos innovadores que promovan a sustentabilidade das actividades pesqueiras e acuícolas en liña coa Política Pesqueira Común. Divídese en sete eixos: Interaccións e impactos; Protección do medio mariño; Residuos; Investigación en recursos mariños e gobernanza; Sensibilización ambiental; Investigación ambiental e acuicultura e Coñecemento do medio mariño.
Os cinco proxectos do IIM
“Integración de Solucións Baseadas na Natureza na Restauración de Ecosistemas Portuarios (NaturPorts)” ten como investigadores principais a Xosé Antón Álvarez Salgado (Laboratorio de Xeoquímica Orgánica) e Isabel Medina e Santiago Aubourg (Química de Produtos Mariños) do IIM-CSIC. A Autoridade Portuaria de Vigo é a entidade coordinadora. Participan, ademais do IIM, as universidades de Oviedo e de Vigo.
O proxecto propón testar e implementar tres solucións específicas baseadas na natureza que contribúan á restauración de ecosistemas portuarios: 1) transformar peiraos en granxas de percebe (Universidade de Oviedo); 2) rehabilitar arrecifes rochosos (Universidade de Vigo); e 3) restaurar praderías de fanerógamas mariñas (IIM-CSIC). O piloto liderado polo CSIC propón restaurar a pradería de fanerógamas mariñas da praia e porto de Bouzas (Vigo) en base a medidas de transplantación e sementa, incluíndo como indicadores de seguimento novos biomarcadores de estrés fisiolóxico asociados a ácidos graxos e lípidos.
“Monitorización en tempo real do cultivo de mexillón en batea: Ferramentas para unha xestión flexible e resiliente ao cambio climático (MOMENTO)” está coordinado polo IIM-CSIC a través dos grupos EsMaBa e Procesos Oceánicos en Cambio Global. Laura G. Peteiro é a investigadora principal. Participa o Instituto de Ciencias do Mar do CSIC e o Consello Regulador do Mexillón de Galicia. Colabora a Federació de Productors de Mol·luscs Delta de l’Ebre.
O obxectivo principal é desenvolver un sistema de alerta temperá, baseado no mexillón como biosensor, de maneira que permita integrar de forma directa os efectos das variacións ambientais no estado fisiolóxico dos animais en cultivo. Para iso, proponse utilizar un sensor de baixo custo desenvolto polo CSIC, que permite monitorizar o comportamento valvar (frecuencia e amplitude) en tempo real, e caracterizar ese comportamento como indicador de episodios de estrés térmico, que permitan deseñar medidas de mitigación en canto á produción de mexillón (por exemplo, o traslado de cordas), que serán testadas nas Rías Galegas e no Delta do Ebro. Á súa vez, o proxecto quere tamén proporcionar información do bo estado ambiental para que estes datos poida ser utilizados para outras medidas de monitorización e xestión ambiental.
“Conservación e explotación sostible das poboacións de ourizo mediante tecnoloxías innovadoras baseadas en intelixencia artificial (PERIZIA)” está coordinado polo grupo de Biosistemas e Enxeñería de Bioprocesos (Bio2Eng) do IIM-CSIC e baixo a dirección de Luis Taboada. Participa o grupo Bioquímica de Alimentos do IIM-CSIC e a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, coa estreita colaboración das Confrarías de Ribeira, Cangas, Vigo, Baiona e A Guarda.
O seu obxectivo é deseñar e probar a bordo novas tecnoloxías de visión subacuática (cámaras autónomas e vehículos submarinos operados de maneira remota, cuxas siglas en inglés é ROV) que xeren imaxes de poboacións de ourizo de mar para o seu tratamento mediante técnicas de intelixencia artificial. Todo iso para obter grandes volumes de datos do seu estado real que soporten a toma de decisións efectivas e eficientes para a conservación e explotación sostible deste valioso recurso.
“Produción de aceites estruturados de peixe para a valorización de descartes cara a unha pesca costeira artesanal sostible (GELFISH)” está coordinado entre os grupos Bio2Eng e de Reciclaxe e Valorización de Residuos do IIM-CSIC e o grupo de Tecnoloxías para o Desenvolvemento de Bioprodutos Industriais da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín.
O seu obxectivo principal é valorizar o aceite de peixe mediante a creación de oleogeles estabilizados. Isto non só incrementa o valor do aceite, senón que tamén conserva os seus beneficios nutricionais nun formato máis adecuado para a industria conserveira, promovendo un mellor uso dos recursos mariños. O fin último é incentivar o cumprimento da obrigación de desembarco (OD) ao aproveitar a biomasa que antes se descartaba. Ademais, realizarase unha análise tecno-económica e ambiental do proceso, avaliando a circularidade da valorización de descartes e os beneficios potenciais para as frotas artesanais.
“Recuperación de residuos plásticos presentes en lixos mariños para a súa valorización en produtos que contribúan ao equilibrio ecolóxico do medio mariño mediante alternativas circulares cun enfoque participativo local (POLYBRIS)” está coordinado polo centro tecnolóxico EnergyLab. Participa o grupo de Biogequímica Mariña do IIM-CSIC (Antonio Cobelo e Ricardo Prego) e o Cabildo de Tenerife.
O proxecto promove a sustentabilidade do medio mariño e a participación en alternativas circulares baseadas na implantación de procesos optimizados de valorización termoquímica de residuos plásticos presentes en lixos mariños grazas á súa transformación en produtos de valor engadido que posibiliten, a captación selectiva de contaminantes orgánicos, inorgánicos e metais pesados presentes en augas e outros efluentes de contornas marítimo-pesqueiros que axudarán a reducir os impactos negativos sobre ecosistemas acuáticos, e a contribuír ao seu bo estado ambiental.
O proxecto IEO-Coruña
“Avaliación e mitigación da mortalidade accidental de aves mariñas en artes de pesca na demarcación do Atlántico Norte (NORAVES)” está coordinada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Participan o Centro Oceanográfico da Coruña (Centro Nacional Instituto Español de Oceanografía-CSIC), a Sociedade Española de Ornitoloxía SEO/BirdLife e CORYS SCCL. Por parte do IEO-CSIC, a investigadora principal é Lucía Cañás .
O obxectivo é realizar unha completa avaliación da mortalidade accidental de aves mariñas en artes de pesca na Demarcación Mariña Noratlántica, especialmente nas súas Zonas de Especial Protección para as Aves. Conta con 4 bloques principais: análise espazo-temporal da actividade pesqueira na Demarcación; seguimento de especies obxectivo e descrición do uso espazo-temporal das augas mariñas; análise conxunta de ambas as fontes de información para a descrición de interaccións aves-pesca e zonas de solapamento, así como unha completa avaliación da mortalidade accidental; ensaio e proposta de medidas de mitigación e xestión para administracións e sector pesqueiro.