Fernando Fraga  (Santiago de Compostela, 1922 – Nigrán, 2020) foi un químico que dedicou boa parte da súa carreira investigadora aos océanos. De feito, dicían os seus colegas que “tiña o océano na cabeza”. Os seus traballos permitiron escribir por primeira vez como o afloramento costeiro é o causante da altísima produtividade das Rías Galegas.  A súa voz inaugura o proxecto “Voces da Ciencia”, concibido para afondar na memoria da ciencia no noso país en boca dos seus protagonistas.

Con esta gravación, o Consello da Cultura Galega e a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica.pretenden indagar ao redor da memoria da ciencia galega do século XX a través dalgúns dos seus protagonistas. Cada mes unha nova entrega que arrinca hoxe, 8 de outubro, Día da Ciencia en Galicia, coa voz do químico Fernando Fraga.

O protagonista

Fraga doutorouse en 1949 en Química Orgánica na Universidade de Santiago baixo a dirección de Ignacio Ribas Marqués. En 1953 incorporouse ao Laboratorio Costeiro de Vigo do Instituto de Investigacións Pesqueiras do CSIC, que tiña a súa sede central en Barcelona. O pai da ecoloxía en España, Ramón Margalef, con quen acabaría traballando man a man, catalizou a súa transformación en investigador oceanográfico. Malia sufrir mareos en alta mar Fraga participou en campañas oceanográficas anuais ata a súa xubilación no Instituto de Investigación Mariñas do CSIC, centro que se independizou do Instituto de Investigacións Pesqueiras en 1978.

A figura de Fernando Fraga é pouco coñecida e recoñecida malia ser un dos grandes nomes da oceanografía química internacional.

Este podcast do Consello da Cultura Galega foi elaborado a partir da entrevista inédita realizada a Fernando Fraga en xullo de 2019, cando este contaba con 97 anos, por Luisa Martínez Lorenzo da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, e os investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía Santiago Fraga Rivas e Francisco Rodríguez Hernández. A edición sonora é de Manuel Vicente. Música licenciada en Epidemic Sound. Unha produción da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica para o Consello da Cultura Galega

More